O PP de Bueu tilda de “vergoña” o peche da praia de Banda do Río en pleno agosto e culpa ao goberno do BNG pola súa incompetencia e falta de mantenemento no saneamento

Bueu, 16 de agosto de 2025

O grupo municipal do PP de Bueu vén de calificar de “absoluta vergoña” o peche ao baño da praia de Banda do Río tras o enésimo episodio de contaminación despois de que, nesta ponte da Asunción en pleno mes de agosto, se tivese que proceder ao peche deste espazo pola forte presenza de restos fecais e de bacterias E.coli como consecuencia de desperfectos, deficiencias ou avarías na rede de saneamento que acabaron vertendo sobre o litoral buenense. Neste senso, cren que a culpa perténcelle en exclusiva ao goberno do BNG pola súa incompetencia e falta de mantemento absoluto na rede municipal de saneamento

Ante esta situación, os populares lamentaron que Bueu sexa a “zona cero” das clausuras de areais na provincia de Pontevedra polas malas condicións da auga derivadas dos restos de fecais procedentes dos sumidoiros e que estas repetidas circunstancias estean afectando aos veciños ao tempo que ofrecen unha “malísima imaxe e publicidade” do concello.

“A rede de saneamento, que obviamente está en moi malas condicións xa que os episodios de contaminación son continuos, é unha exclusiva competencia municipal que, no caso de Bueu, non funciona correctamente pola exclusiva incompetencia do goberno do BNG, que non é que de xestionala cuns estándares mínimos de calidade e non pode alegar falta de tempo, de investimento nin de nada, porque leva 18 anos ininterrompidas dirixindo o Concello”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez, que lamentou que os fondos que pide o Concello á Xunta e á Deputación sexan para obras en Montero Ríos ou Pazos Fontenla e sempre se esqueza do saneamento.

“O executivo local cansouse de presumir de que recuperou esa praia, así que agora agardamos que tamén saian públicamente a botarse flores e a facer autobombo para anunciar que quedou pechada polos vertidos, que veñen derivados da súa mala xestión coa depuradora e a rede”, ironizou Estévez, que apuntou que a esta situación se chega pola falta de mantemento e medidas para buscar solucións a un problema que coñecen hai tempo porque houbo moitos avisos do mal funcionamento destas infraestruturas que verten ao mar.

“Xa non se trata só do lecer dos veciños e das mermas que supón para o sector turístico e hostaleiro da vila, senón tamén de que é necesario protexer, coidar e preservar a nosa costa e o noso mar”, advertíu Estévez, que lamentou que o goberno municipal nunca se tomara en serio este asunto e que agora as posibles solucións “sexan máis complexas e custosas tras moitos anos sen afrontar melloras nestas infraestruturas nin facer un mantemento adecuado”.

“Estamos ante outro vertido máis nas nosas praias, aos que tristemente os veciños xa estamos acostumados e resignados a que non se faga nada por erradicalos, pero, tras afectar nos últimos tempos a practicamente todas as prais de Bueu, este en Banda do Río é moi significativo, xa que se trata do momento cumio do verán e nunha praia moi emblemática. Ver estes días este espazo clausurado é un exemplo de cómo está Bueu e de quen mal dirixe este Concello, polo que queremos saber dunha vez por todas a folla de ruta do BNG ante esta reiterada situación”, concluíu a voceira popular.