O PP de Bueu solicita reformular a nova ordenanza fiscal da piscina polos problemas coas tarifas, a sobreestimación de usuarios e o déficit de 1 millón de euros en catro anos
Bueu, 25 de abril de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vai solicitar, no pleno extraordinario do próximo luns, a reformulación da nova ordenanza fiscal da piscina municipal do centro deportivo das Lagoas, posto que a proposta polo goberno de Félix Juncal arroxa problemas coas tarifas, sobreestimación de usuarios e infravaloración de custes que distorsionan por completo as cifras e un déficit mínimo de 1.068.000 euros en catro anos ata 2029.
A voceira municipal, Elena Estévez, recordou que o PP sempre defendeu a necesidade de contar cunha normativa para esta instalación acuática, “pero loxicamente ben feita con números reais e buscando a viabilidade deste servizo público”, e pola contra atopouse cunha ordenanza que conta cun informe técnico de Intervención que é “demoledor”, xa que revela numerosos “riscos”, principalmente económicos, que están abocados a xerar un importante desequilibrio económico-financeiro na empresa concesionaria e posteriores consecuencias para o Concello a modo de compensación.
“Ordenanza si, pero non así”, aseverou a concelleira popular, que indicou que, segundo Intervención, os datos do estudo do executivo BNG-PSOE son excesivamente optimistas, hai un risco operativo claro na aplicación efectiva da ordenanza derivado da excesiva desagregación das tarifas de acceso –polo que defende a simplificación do cadro de taxas– e augúranse problemas de xestión e control.
Pero o principal problema detectado é económico, xa que se estiman gastos anuais por 439.134 euros e ingresos por 384.474 euros, o que suporía un déficit asumible, pero segundo o informe técnico, hai unha sobreestimación do diñeiro entrante e moitos elementos de incertidume, como a enerxía ou os gastos de persoal, que fan prever que os gastos sexan maiores.
Neste senso, Intervención apunta a que o déficit anual vai ser crecente a partires de 2027, aínda que o máis elevado será no presente ano posto que os ingresos serán máis cativos ao non recadarse durante todo o exercicio. Así, o cadro económico estimado é o seguinte:
| Anualidade | 2026 | 2027 | 2028 | 2029 |
| Gastos | 517.000€ | 609.000€ | 633.000€ | 656.000€ |
| Ingresos | 192.000€ | 384.000€ | 384.000€ | 384.000€ |
| Resultado | -324.000€ | -225.000€ | -248.000€ | -271.000€ |
“O Concello incumpre a estabilidade orzamentaria e a regra de gasto e está abocado a un plan económico-financeiro, polo que esta ordenanza pode ser a puntiña a unha xestión ineficaz do BNG que levamos arrastrando moitos anos agás que se modifique para adaptala á realidade”, advertíu Elena Estévez, que cre que hai que apostar pola contención dos gastos da piscina e o emprego de ideas novidosas para aumentar os ingresos sen tocar as tarifas, como os acordos con outras administracións para o seu emprego por escolares ou determinados colectivos, a búsqueda de patrocinios e publicidade, a consecución de campionatos e actividades ou a busca de recursos extraordinarios con merchandising, entre outras iniciativas, “pero iso é un traballo que lle corresponde ao goberno se ten gañas de que a piscina funcione e sexa sostible”.