O PP de Bueu solicita o acondicionamento e a posta a punto urxente das praias e lamenta o novo retraso do goberno local con respecto aos concellos veciños

Bueu, 28 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de solicitarlle ao goberno local que proceda ao acondicionamento e a posta a punto urxente das praias e lamenta que, outro ano máis, se incurra en retrasos na execución destas tarefas mentres os concellos veciños xa levan días e incluso semanas con estas actuacións.

Os populares indicaron que os areais do municipio están en malas condicións, algo habitual tras os efectos do inverno, pero consideran que xa tiñan que estar en marcha os traballos de preparación para o verán e lamentan que non se aproveiten estes días de bo tempo ante a inminente chegada do mes de xuño. Ademais, engadiron que xa hai moitos usuarios que visitan os areais ao longo desta quincena, e máis coa climatoloxía calurosa, polo que estiman que as praias xa tiñan que presentar alomenos un mínimo bo estado.

O PP buenense reclama que se realicen rozas e limpeza nos areais e as súas contornas, que se proceda ao arranxo dos accesos, que se acometa o pintado dos aparcamentos e dos pasos de peóns próximos e que se executen outras actuacións menores.

Neste senso, engadiron que polo momento non se executou ningunha tarefa de acondicionamento nin existe ningunha previsión, “o que repercute negativamente no turismo e no disfrute das praias por parte dos usuarios”.

“Supoñemos que esta deixadez deriva do esgotamento  e cansancio que tanto se lle nota ao goberno local, pero non é normal que absolutamente todos os anos teñamos que insistir e pedirlles publicamente a mellora das praias para que comecen a facer algo”, advertíu a voceira municipal, Elena Estévez, que considera que sería convinte que todos os anos se fixeran os traballos no mes de maio, “xa que esta medida favorece a desestacionalización ao poder aproveitarse as praias en xuño se están boas condicións”.

A concelleira popular cre que este aspecto “debe coidarse moito máis” nun concello como Bueu, que conta con catro areais con bandeira azul -Portomaior, Area de Bon, Lagos e Lapamán-, xa que lembrou que as queixas polo estado, os servizos e as infraestruturas das praias son unha constante entre os veciños e teñen motivado, ao longo de todo o ano, moitas iniciativas do PP de Bueu, como a mellora do acceso a Area de Bon, a construción do paseo de Agrelo ou a eliminación de vertidos en Banda de Río, por só citar algúns casos.