O PP de Bueu solicita ao goberno solucións inmediatas para cubrir prazas de Policía Local ante o actual desmantelamento do corpo
Bueu, 9 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de solicitarlle ao goberno local de Félix Juncal que adopte solucións inmediatas para cubrir con urxencia prazas de Policía Local, sexa de xeito permanente ou provisional, ante o actual desmantelamento e precariedade que sufre o corpo e que impide atender axeitadamente aos veciños.
Os populares alertaron de que a maioría dos efectivos se atopan de baixa e apenas hai axentes que poidan realizar o traballo, polo que a seguridade cidadá está en precario e se debe actuar de inmediato desde o Concello para evitar un posible aumento da conflitividade e a actual desatención aos veciños neste ámbito.
“Queremos medidas xa ante unha situación que é exclusiva responsabilidade do goberno local porque o corpo é da súa competencia a deixaron ir por completo. Cremos que poderían facer unha solicitude extraordinaria á Academia de Seguridade, que só pode mandar auxiliares con funcións limitadas pero que poden server para axudar nesta situación extrema, ou que o xestionen como queiran, pero non pode ser que cada semana que pasa teñamos menos axentes ata non quedar practicamente ningún e que un servizo municipal tan básico como o da Policía Local non se estea a prestar de xeito efectivo por falta de persoal”, manifestou a voceira, Elena Estévez.
A concelleira popular concretou que esta situación do corpo fíxose moi evidente, por duplicado, esta pasada fin de semana, xa que o sábado houbo unha indisposición -que tristemente rematou en falecemento- no paseo de María Eugenia e chamouse á policía, pero ninguén contestou porque o teléfono estaba inoperativo. E ao día seguinte, xa domingo de Corpus, só había un axente para cubrir e atender todo o percorrido malia a presenza de centos de persoas.
Neste senso, Elena Estévez lembrou que o PP xa reclamou máis axentes e medios hai un mes no pleno da corporación, recollendo deste xeito as queixas dos propios policías, dos seus sindicatos e de moitos veciños, pero lamentou que neste tempo “non só non experimentáramos nin un só avance nin incorporación, senón que máis ben ao contrario todo foise deteriorando aínda máis sen que o goberno do BNG fixese absolutamente nada”.
Ante esta situación, a voceira municipal quixo reiterar a preocupación do seu partido e de moitos buenenses polo enquistamento desta situación de precariedade na Policía Local e tendeu a man ao executivo, cunha proposta construtiva, para que busque alternativas e solucións con urxencia “en primeiro lugar polos nosos veciños e tamén porque agora, coa chegada do verán, a nosa poboación vai aumentar pola chegada de turistas”.