O PP de Bueu solicita a limpeza e a roza dos accesos ás praias e das demais pistas municipais ante o seu estado de abandono con moita maleza e vexetación

Bueu, 17 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de solicitar a limpeza, o acondicionamento e a roza dos accesos viarios ás praias do concello e das demais pistas municipais ante o seu actual estado de abandono, coa presenza de moita maleza e vexetación nas súas beiravías.

Os populares lamentaron que a práctica totalidade dos vías do municipio que pertencen ao Concello estean nestas malas condicións, cunha clara afección á visibilidade e á seguridade viaria, cando xa estamos inmersos na segunda quincena do mes de xuño e ás portas do verán.

“En primeiro lugar polos veciños de Bueu, que son quen máis nos importan, pero tamén pola xente que nos visita, moitos dos cales teñen moita relación connosco porque veñen todos os anos, pois non é de recibo como se atopa a rede viaria local e queremos lamentar especialmente o caso dos accesos ás praias, posto que agora teñen moito tránsito”, concretou a voceira municipal, Elena Estévez.

No caso das pistas dos areais, a concelleira incidíu especialmente na forte vexetación que presentan as distintas baixadas a Area de Bon, tanto desde Beluso como polo camiño interior de Cultas, en Bon de Abaixo, así como o camiño que leva cara a praia de Tulla.

En todo caso, a edil popular estendeu este problema a todo o concello e lamentou o “pasotismo e a inacción” do goberno local, “ao que parece que hai que pedirlle as cousas publicamente e sacarlle as cores para que actúe cando debía saber de sobra as necesidades e as actuacións de mantemento que se teñen que facer periódicamente sen dar a sensación de que sempre vai arrastrando os pés para sacar os asuntos adiante”.

Neste senso, Elena Estévez advertíu que a situación das pistas municipais, pero especialmente dos accesos ás praias, xera riscos para os usuarios das mesmas, pero sobre todo para os veciños e visitantes que acuden a pé ata as praias porque practicamente no se ve nada e teñen que desprazarse con moido coidado.