O PP de Bueu solicita a adopción de melloras estruturais urxentes nos vestiarios do Campo de Fútbol de Beluso ante o seu mal estado
Bueu, 8 de abril de 2025.- O grupo municipal do PP de Bueu vén de solicitar a adopción de melloras estruturais urxentes e das obras de restitución necesarias nos vestiarios do Campo de Fútbol de Beluso, que se atopa en moi mal estado desde hai tempo e cuxa reparación foi, polo momento, ignorada polo goberno local.
Ante esta situación de deterioro neste recinto deportivo de titularidade municipal, a voceira popular, Elena Estévez, interesouse no pleno celebrado onte polo coñecemento destas deficiencias e desperfectos de grandes dimensións nesta instalación deportiva por parte do goberno local e urxiu a posta en marcha de solucións e a execución das obras necesarias para poñer en condicións este recinto.
Elena Estévez, no apartado de rogos e preguntas da sesión plenaria, tamén inquiríu ao executivo nacionalista polas previsións para levar a cabo os arranxos pertinentes, xa que lembrou que este campo de fútbol é empregado a diario por decenas de usuarios e deportistas “e existe un serio risco de accidente por algún desprendemento, derrubou ou outra circunstancia”.
A concelleira do PP lamentou a “pasividade” do goberno local nesta cuestión, posto que este complexo deportivo xa leva bastante tempo en malas condicións sen que ata o momento se fixese nada por reparar todas as deficiencias.
Neste sentido, a edil popular revelou que os vestiarios deste campo presentan fendas de gran tamaño nas vigas e piares, o que denota algún problema importante que podería ser de carácter estrutural; boquetes en distintos puntos; paredes coas xuntas separadas e espazos de dilatación; e azulexos rotos ou inexistentes.
Por elo, Elena Estévez esixíu a súa reparación inmediata para evitar algún incidente e para que os deportistas poidan utilizar uns vestiarios en condicións e anunciou que, desde o PP, estarán vixilantes para que se cumpra con esta imprescindible actuación.