O PP de Bueu salienta o compromiso da Xunta con Ons e admite que as cuestións pendentes “avanzan máis lento do que nos gustaría” pola súa complexidade xurídica
Bueu, 1 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de emitir unha valoración positiva da Mesa de Ons celebrada esta semana, xa que salientou que na mesma se demostrou o compromiso da Xunta coa illa, aínda que admitíu que hai cuestións pendentes, no referente aos anexos das vivendas e o transporte, que “avanzan máis lento do que nos gustaría” pola súa complexidade xurídica.
Os populares exemplificaron a implicación e sensibilidade do Goberno galego con Ons destacando que os proxectos máis sinxelos, aínda que con investimentos moi importantes, saen adiante con relativa facilidade e celeridade, como é o caso das obras do Plan de Sostenibilidade Turística ou a rehabilitación da igrexa e da súa contorna exterior, que foi unha petición dos veciños e que o PP buenense quixo poñer en valor pola súa beleza e importancia patrimonial.
“Estanse facendo moitas cousas en materia de Turismo, Cultura e Sanidade na illa e creo que iso debe poñerse en valor como mostra de compromiso, que para nós é a base de todo, porque iso demostra que a aposta por Ons é global aínda que haxa temas que, a ninguén se lle escapa, están máis atascados, pero creo que con esa vontade poderían saír adiante”, significou a voceira municipal do PP, Elena Estévez, que tamén destacou que a solicitude de dúas horas máis de lunes para as vivendas e os parques vai ser testada a través de probas para ver se é posible atender esta demanda coa infraestrutura existente.
Sen embargo, a concelleira do PP sinalou que os expedientes dos anexos das vivendas e as bonificacións do transportes teñen moitos máis condicionantes: “Son cuestións reiteradas na que é certo que non hai avances polo momento, xa que nun caso existe unha lexislación estatal ao respecto e noutro hai que determinar exactamente quen sería beneficiario dos descontos no barco, pero como sabemos que hai compromiso hai que ter confianza e seguir traballando”. Así, indicou que no caso dos anexos das vivendas xa se convocou unha reunión entre o Goberno galego e os representantes dos veciños para analizar caso por caso co obxectivo de poder avanzar nas situacións que estean claras xuridicamente, mentres que no transporte tamén se fixo un novo encontro entre ambas partes para determinar a consideración de illeños, posto que moitos deles non están censados en Ons por cuestión de traballo ou escolarización, entre outros.
Finalmente, Elena Estévez quixo deixar claro que o PP local “está sempre apoiando as demandas de Ons, xa que son os nosos veciños e debemos atender ás súas xustas reivindicacións polas peculiaridades propias dunha illa”, pero cre que tamén se debe valorar que, malia as dificultades burocráticas, a Xunta está a demostrar o seu interese en facilitarlle a vida aos illeños.