O PP de Bueu revela que o goberno local agocha unha suba xeralizada do imposto de vehículos nun 17% para 2026 e lamenta o “afán recadatorio” contra os petos dos veciños
Bueu, 4 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de revelar que o goberno local bipartito está a agochar unha inminente suba xeralizada do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) nun 17% para o próximo ano 2026 e lamenta o “afán recadatorio” contra os petos dos veciños.
Os populares cren que o BNG non ten a conciencia tranquila neste asunto e por iso, en vez de informar con transparencia deste incremento fiscal aos veciños, o están a disfrazar baixo o formato de “rectificación mínima” do padrón, pero en realidade supón un aumento importante, posto que os coeficientes medrán do 1,20 actual ata o 1,40 na maioría dos casos, aínda que nalgúns alcanza o 1,45 e incluso o 1,50, chegando a suba para estes vehículos ata o 25%.
Ademais, o PP insistíu no “escurantismo” da medida, “que non está a ser informada como corresponde e moito menos por parte dun goberno ao que tanto lle gustan as fotos, a promoción e vender fume”, porque a mesma vai ser inminente, xa que se debaterá o vindeiro luns en comisión informativa e se levará ao pleno do 15 para que este cambio fiscal na ordenanza poida entrar en vigor no ano 2026.
O PP de Bueu tamén ironizou sobre as prioridades do executivo de Félix Juncal, xa que din que non teñen tempo para elaborar e presentar uns Orzamentos Municipais, que levan prorrogados desde o ano 2023 e son fundamentais para o desenvolvemento e os investimentos no concello, “pero en cambio actúan con moita axilidade para preparar as subas de impostos”.
A voceira municipal dos populares, Elena Estévez, revelou que, con este incremento, o padrón do IVTM medrá en 85.786 euros anuais e criticou que o executivo nacionalista tente xustificalo “coa suposta necesidade de acadar unha suficiencia e solvencia financeira cando se supón, segundo as súas propias palabras que polo visto non son verdade, que o Concello economicamente vai como un tiro grazas á súa xestión”.
Ademais, a concelleira criticou que o executivo “encha a boca falando do benestar dos veciños” cando o único que están facendo é “fritilos a impostos”. “Moito falan da gratuidade dos servizos, que están encantandos de que a piscina sexa de balde, pero todo tiña trampa porque andan amagando cunha forte suba do lixo desde a Mancomunidade, agora nos queren meter este aumento nos coches e cremos que, tristemente, aí non vai quedar a cousa”, advertíu.
Tamén replicou o suposto ecoloxismo e defensa da sostenibilidade do BNG, xa que na nova ordenanza só pretende bonificar este imposto aos coches eléctricos ou híbridos durante tres anos, pero lamentou que, en todo caso, esta situación é complicado que se dea, “xa que rexeitaron a nosa moción para instalar puntos de carga dicindo que non era unha prioridade, polo que de facto están rexeitando os coches eléctricos e, por tanto, os que poden obter estes descontos”.
“Buscan única e exclusivamente a recadación e non lles importa facelo contra as familias e os veciños. Din que son tan solidarios os do BNG e os do PSOE e que tanto defenden a gratuidade dos servizos públicos, pero caéuselles a careta”, concluíu Elena Estévez.