O PP de Bueu reitera o agravamento da situación de precariedade da Policía Local e a desatención aos veciños nun marco crecente de inseguridade cidadá
Bueu, 30 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de reiterar o agravamento da situación de precariedade da Policía Local e da desatención aos veciños pola falta de efectivos e de medios, o que está a xerar un marco crecente de inseguridade cidadá para o que esixen, novamente, a adopción de solucións inmediatas e efectivas por parte do goberno de Félix Juncal.
Os populares indicaron que, tras os problemas vividos nas últimas semanas, onte producíuse un accidente de tráfico que motivou varias chamadas á base da Policía Local, pero as mesmas non foron atendidas porque en quenda de tarde só hai un auxiliar e ademais o desvío telefónico ao 112 para estes casos non está a funcionar axeitadamente.
“Polas noites non hai servizo, polas tardes só auxiliares e aínda por riba as alternativas non funcionan por problema co teléfono, que é algo que debería ser ben sinxelo de solucionar por parte do goberno, e esa a triste situación na que estamos gran parte do día e que só se pode paliar se temos a sorte de que veña a Garda Civil desde Cangas. Atopámonos bastante desamparados por un servizo que é básico e que o BNG ten totalmente abandonado cunha actitude totalmente pasiva”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez.
Ademais, a concelleira popular indicou que as espectativas son bastante malas, posto que a partires do mes de xullo Bueu comezará a acoller eventos importantes, como o festival SonRías ou as festas do Carme, e producirase o tradicional aumento de poboación propio do verán, polo que manifestou a súa “preocupación” e a de moitos veciños pola situación da Policía Local.
Neste senso, a edil PP lembrou que os populares levan denunciando esta precariedade no servizo desde hai dous meses e reclamando solucións efectivas que non chegan antes de advertir de que faltan axentes, que contan con medios caducados e cunhas instalacións en mal estado, o que provoca que xa se teñan producido varios incidentes, accidentes ou indisposicións nas que non había ninguén para atender á veciñanza.
Finalmente, Elena Estévez reiterou a necesidade urxente de que o goberno local trate de mellorar este servizo de seguridade e apostillou que a solución ten que pasar pola creación de convocatoria de máis prazas de axentes, “pero semella que isto nunca é unha prioridade para o goberno local malia que cada dous por tres falan da Relación de Postos de Traballo (RPT) e dunhas necesidades de cambios e actualización que parecen non chegar para a nosa Policía Local”.