O PP de Bueu reitera a necesidade de mellorar os accesos ao Centro de Saúde polo seu estado “lamentable” e lamenta que o goberno se limita a anuncialo pero non faga a obra
Bueu, 12 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de reiterar a necesidade urxente de mellorar os accesos ao Centro de Saúde, xa que se atopan nun estado “lamentable” e lamentou que o goberno encabezado por Félix Juncal se limita a anunciar que está previsto, pero nunca se decida a facer esta obra tan necesaria para a mobilidade desta contorna.
Os populares presentaron unha moción demandando esta actuación hai un mes, pero a falta de compromiso real e os reiterados retrasos na súa execución leváronos a volver a levar esta cuestión ao pleno a través dunha pregunta sobre a previsión destes traballos e os prazos que manexa o executivo nacionalista. “Coma sempre, limitáronse a responder con vaguedades indicando que agardan, pero sen confirmar, facer a obra nos próximos meses, pero desde logo esta resposta é insuficiente para os veciños”, manifestou a voceira, Elena Estévez.
Desde o PP indicaron que a rúa Don Juan Veiga, que dá acceso ao Centro de Saúde, ten o firme en moi malas condicións, especialmente no treito superior ao semáforo de acceso á estrada autonómica PO-551. Así mesmo, engadiron que a mesma situación reprodúcese na entrada ao aparcamento e na beirarrúa que da acceso a este espazo para os vehículos.
Ante estes feitos que se arrastran desde hai moitos meses, Elena Estévez calificou a situación de “urxente” polas malas condicións de toda esta contorna e lembrou que o estado dos pavimentos fai moi dificultosos os desprazamentos pola mesma malia ser unha zona moi transitada da vila, xa que aos usuarios do Centro de Saúde, hai que engadir os alumnos, profesores e persoal dos centros educativos públicos, como o colexio e o instituto.
“Desde o PP imos seguir insistindo todo o que faga falta para que se mellore esta rúa, estes accesos e esta beirarrúa, porque o seu estado é lamentable, porque a obra é máis que necesaria e porque ademais non estamos a falar dunha cantidade moi importante ou inasumible para o Concello, polo que máis parece unha deixadez do goberno que outra cousa, pero ao final son os veciños o que pagan este modo de xestión”, concluíu a voceira popular.