O PP de Bueu reclama un cambio inmediato na ordenanza que veta a presenza de cans nas praias fóra da época do verán e pide que se implante un horario amplo e flexible

Bueu, 11 de outubro de 2025.

O grupo municipal do PP de Bueu vén de reclamar un cambio inmediato na ordenanza que veta a presenza de cans nas praias máis alá da época do verán, xa que lembra que o Concello é o único da provincia de Pontevedra no que esta restricción está vixente para todos os areais durante todo o ano, e tamén pide que se implante un horario amplo e flexible de acceso nos nove meses que van do outono á primavera.

Os populares consideran unha anomalía que a normativa municipal non levante esta prohibición de entrada das mascotas o 30 de setembro como sucede no resto de concellos e cren que é urxente o cambio da mesma, xa que, ademais, “non ten ningunha complexida técnica nin xurídica e é ben fácil de redactar e tamén de aprobar, porque entendo que todos os grupos estaremos de acordo”.

“É lóxico que haxa prohibicións totais ou parciais, como é o caso de Marín, durante os meses de verán porque as praias están moi concorridas, porque é un requisito das bandeiras azuis e porque a presenza de cans pode afectar ao seu uso, especialmente nas horas centrais do día, pero non ten sentido ningún que, coa chegada do outono, que hai moi pouca xente, non poidan empregar estes espazos ideais para o seu esparcemento. Creo que o Concello debería ter máis consideración con eles porque teñen uns dereitos segundo a nova Lei de Benestar Animal e forman parte moi importante da vida de moitos buenenses”, explicou a voceira, Elena Estévez, que cifrou en 2.680 os cans existentes no concello segundo os datos oficiais do Rexistro de Identificación de Animais de Compañía da Xunta de Galicia.

A concelleira popular, que reclamou axilidade neste cambio normativo para que xa poidan acceder aos areais ao longo deste próximo outono ou inverno, rexeitou as intencións iniciais do goberno nacionalista, que en principio amosou a súa pretensión de cambiar a ordenanza para que poidan acudir ás praias a partires das 22.00 horas. “Cremos que o anunciado polo Bloque é unha idea cativa, xa que no inverno ás dez da noite é moi tarde, fai frío e hai pouca luz, polo que lle pedimos que sexa máis flexible como fan outros concellos como Sanxenxo, Marín ou Poio, nos que se lles permite entrar todo o día”, apostillou.

Elena Estévez, que dixo que se o Concello ten a intención de cambiar esta regulamentación “non sabemos a que está agardando”, reclamoulle ao goberno local que non teña un exceso de proteccionismo sobre as praias, “xa que os cans non lle fan mal ningún fóra da época turística, como se demostra nos demais concellos co debido respecto ás regras de convivencia, e porque os problemas das nosas praias, como se veu neste verán, xurden exclusivamente dos vertidos e dos problemas na rede de saneamento, que seguen pendentes de resolver, polo que é aí onde deben adicar os seus esforzos”.