O PP de Bueu reclama o arranxo urxente e integral do firme na curva de Nocedo e a subida a Sanamedio en Bon polo seu mal estado e os riscos na circulación
Bueu, 9 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de reclamarlle ao goberno local que proceda ao arranxo urxente e integral do firme na curva do Río de Nocedo e na subida a Sanamedio en Bon, nesta pista pertencente á parroquia de Beluso, posto que se atopa en moi mal estado e presenta serios riscos para a circulación de vehículos.
Os populares revelaron que esta vía de titularidade municipal presenta fochancas e baches de grandes dimensións, co agravante de que están situadas xusto no medio da plataforma, e ademais conta con zonas e treitos sen pavimentar e que teñen area e pedras soltas, o que pode provocar facilmente un accidente..
Por elo, o PP de Bueu demándalle ao executivo local que proceda inicialmente ao seu arranco urxente coa eliminación dos baches, que é a cuestión máis necesaria, e posteriormente proceda ao seu pavimentado completo para minimizar os riscos de sinistralidade e os posibles danos nos vehículos que circulan por ese treito.
Neste senso, os populares indicaron que o Concello ten fácil a consecución do financiamento dado que non é unha obra dun importe elevado e pode acometela coa achega da Xunta de Galicia a través do Plan Camiña Rural que se concede todos os anos ou ben con fondos municipais ou as baixas das adxudicacións de proxectos que estean actualmente en execución.
“O goberno local ten bastante descoidadas as pistas municipais, nas que non acomete como debería as obras de mantemento e conservación que se merecen os veciños, pero este caso concreto entre Nocedo e Bon é tristemente moi significativo, porque se atopa nun estado de abandono absoluto e cunhas condicións e unha perigosidade que non son admisibles, polo que lle esiximos que arranxen inmediatamente”, explicou a voceira municipal, Elena Estévez.