O PP de Bueu reclama a reposición urxente de contedores novos de recollida de lixo na zona da costa do Figueirón

Bueu, 28 de xaneiro de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de reclamar a reposición urxente de contedores novos de recollida de lixo na zona da costa do Figueirón, preto da estrada C-550, posto que os veciños desta contorna carecen deste servizo na actualidade e non teñen un lugar próximo para o depósito dos seus residuos.

A voceira municipal, Elena Estévez, interesouse por esta deficiencia no pleno do pasado 19 de xaneiro, a través dunha pregunta, e vén de lamentar que, máis dunha semana despois, o goberno de Félix Juncal siga a facer caso omiso a esta necesidade básica malia que admitiu, na citada sesión, que estaba a traballar nesta xestión coa Mancomunidade do Morrazo, rexida tamén polo BNG e responsable do servizo do lixo.

“Parécenos inaudito que, máis dunha semana despois, os veciños do Figueirón sigan a estar sen contedores e carezan deste servizo de competencia exclusivamente municipal, aínda que transferida á agrupación comarcal que dirixe o Bloque e, como toda a comarca sabe, está a facer unha xestión pésima en todo o relacionado co servizo de limpeza”, concretou a concelleira do PP.

Neste senso, e ademais de reiterar de novo a dotación urxente estes contedores, a edil popular revelou que o propio rexedor tamén admitíu que xa tiña feito con anterioridade diversas xestións coa Mancomunidade para a concesión destes contedores, pero que os resultados foron infructuosos, “polo que cabería preguntarse se pasan absolutamente do alcalde prexudicando, e moito, aos veciños de Bueu”.