O PP de Bueu lamenta que o goberno rexeite a construción dun aparcadoiro en altura “que dea solución áxil á falta de prazas na vila” e se obcece no proxecto “eterno” do subterráneo
Bueu, 6 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar que o goberno bipartito rexeitase a súa proposta de construción dun aparcadoiro público en altura malia que é “a solución máis áxil e económica fronte á prazas de estacionamento que padecemos na vila” e que se obcece na construción dun proxecto “eterno” dun subterráneo na contorna de Banda de Río que tardará moitos anos en converterse en realidade.
Os populares presentaron no pleno unha moción para que o executivo local localizase uns terreos axeitados e emprendese a correspondente negociación cos propietarios para conseguir a parcela para esta infraestrutura municipal para vehículos, pero a mesma non contou co apoio de BNG e PSOE.
“Puxemos sobre a mesa unha solución fácilmente executable, viable e moito máis económica rápida que o subterráneo, pero, nunha actitude que non comprendemos, como se non quixesen solucionar o problema do aparcamento, o bipartito non está pola labor”, apostillou a voceira popular, Elena Estévez, que lembrou que esta proposta está permitida polo Plan Xeral -con baixo e catro alturas-, tal e como admitíu no pleno o edil de Urbanismo corrixindo ao alcalde, que apelou á imposibilidade urbanística descoñecendo que a opción está recollida no PXOM de Bueu.
Para a concelleira do PP, a proposta dun aparcamento en altura é, ademais de económica e áxil, a máis adecuada para a vila de Bueu polas características areosas do subsolo, “que nos espertan moitas dúbidas á hora de facer un subterráneo e máis nunha zona tan próxima ao mar como Banda de Río”. Neste senso, lembrou que outros proxectos, tamén redactados por arquitectos de prestixio, deron problemas polos materiais do solo, “polo que, respectando ao máximo a capacidade das profesionais que fixeron o de Banda de Río, non temos nada clara esta actuación, que é algo que comparten moitos veciños”.
“O propio goberno local sabe que hai un problema grave de estacionamento, porque o modelo que aplican non fai máis que destruír prazas sen que se lle dea alternativa. E incluso eles mesmos no pleno dixeron que ogallá que se fixeran os dous malia rexeitar a nosa proposta, porque eles de entrada apostan polo subterráneo aínda que hai dúbidas sobre o terreo e que os prazos, con catro fases contempladas en Banda de Río, van para anos”, sinalou a edil.
Finalmente, concretou que un aparcadoiro público en altura, “que podería estar perfectamente integrado na vila sen ningún tipo de feísmo polas moi boas solucións arquitectóncias que hain a actualidade”, podería estar construído e en funcionamento nun par de anos “para atender a demanda urxente de prazas que teñen os veciños”, mentres que augurou que o subterráneo é moi complicado que sexa unha realidade no que queda de década. “Como no caso do paseo de Agrelo, parece que ao bipartito non lle preocupan os problemas actuais e pensan, incomprensiblemente, do 2030 en adiante”, ironizou Estévez.