O PP de Bueu lamenta que o goberno local volva á “política de infografías que rematan en incumprimentos” e esíxelle prazos reais e fondos para os proxectos estratéxicos

Bueu, 3 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar que o goberno local, a falta de xestión e atención real aos problemas e necesidades dos veciños, volva a optar pola “política masiva de infografías que rematan en incumprimentos”, en referencia ao practicado nos derradeiros meses do mandato anterior, e esixiulle que dea información veraz con prazos e fondos para o desenvolvemento dos proxectos estratéxicos.

Os populares indicaron que os buenenses están a recibir nas últimas semanas constantes anuncios de actuacións de calado, que van desde o paseo de Agrelo ou a Banda de Río ata a urbanización de Pazos Fontenla, a compra da Cámara Agraria, a construción de vivenda protexida, a parcelación do polígono POL-12 no centro urbano e incluso a mellora da Praza de Abastos para conseguir o sello de Mercado Excelente.

“Estamos nun período asombroso de anuncios de proxectos que máis semella unha publicidade de lotarías na que, como di o lema, Cada día, unha ilusión, pero a verdade é que detrás de todo isto hai moito fume e pouca realidade, como vimos co proxecto de humanización de Montero Ríos, que se caeu de cheo ás poucas semanas de anuncialo por non cumprir as bases dos fondos provinciais para o seu financiamento”, advertíu a voceira municipal, Elena Estévez, que engadíu que esta situación semella máis ben “unha fuxida cara adiante dun goberno que quere tapar ante os veciños o retroceso no que teñen sumido ao concello, porque por desgraza Bueu é o municipio do Morrazo que está a quedar máis atrás”.

A concelleira popular lembrou os fallidos proxectos do paseo de Agrelo ou da área de Chans, por citar só algúns exemplos, presentados a golpe de infografía e deseño antes das pasadas eleccións “e que, como cabía esperar do goberno de Félix Juncal, nin son unha realidade nin se agarda que o sexan pronto”. Neste sentido, tamén indicou que o plan para Banda de Río, presentado o pasado novembro, leva seis meses sen avances significativos e esta situación exténdese á práctica totalidade das grandes actuacións agás aquelas financiadas directamente por Xunta e Deputación, “que son as administracións que están a rescatar a Bueu do seu propio goberno municipal, xa que, por exemplo, o próximo inicio do parque de Urbano Lugrís non sería posible sen os fondos provinciais”.

“As infografías do executivo van a toda velocidade, pero as obras non chegan nunca, porque a realidade é teimuda e chegamos ao mandato sen que se moverá unha soa pedra dunha gran actuación, que ademais necesítanse con urxencia tanto para mellorar a atención e os servizos aos veciños como para poñer freo ao retroceso no que o BNG ten sumido a Bueu”, apostillou Estévez, que lamentou que neste tempo só se poida destacar a degradación de moitas partes da vila, a falta de atención das cousas do día a día, o abandono de moitas instalacións municipais, a falta de prazas de aparcamento, os problemas con ovo contrato de auga ou os crecentes episodios de inseguridade cidadá.