O PP de Bueu lamenta os “prazos eternos e os retrasos infinitos” no proxecto de Banda do Río e acusa ao goberno de actuar “a golpe de problemas e de iniciativas veciñais”
Bueu, 6 de setembro de 2025.
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar a falta de xestión do goberno bipartito liderado polo BNG no proxecto de transformación de Banda do Río, xa que dita iniciativa non avanza por uns “prazos eternos, retrasos infinitos e excusas diversas” que son exclusiva responsabilidade do executivo, ao que acusou de actuar simplemente “a golpe de problemas e de iniciativas e demandas veciñais, das asociacións e da sociedade civil”.
Os populares valoraron positivamente a convocatoria da comisión de seguimento de Banda do Río para o próximo mércores, pero se preguntan se se celebraría de non ser solicitada formalmente pola veciñanza, xa que consideran que o Bloque “perdeu totalmente a iniciativa e as gañas”. “Presumen de que o goberno goberna, pero máis ben é ao contrario, o goberno de Bueu non goberna, porque esta reunión non se celebraría se dependerá exclusivamente deles e ademais semella que con ela só buscan lavar a súa imaxe tras os graves problemas de vertidos que houbo este verán nesta praia e nesta contorna”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez.
A concelleira do PP lembrou que este proxecto está sobre a mesa desde o ano 2019 e a xestión que está a facer o BNG “converte nunha utopía que vaia ser realidade antes do ano 2030”, xa que concretou que o concurso de ideas resolveuse o pasado mes de novembro e non se rexistrou nin un só avance nestes dez meses “e agora, a golpe de demanda social e no marco da súa política de facer que fan, celebrarán esta reunión e deixarán morrer o tema durante moitos meses máis”.
Tamén engadíu que os retrasos son constantes, “propios dun goberno que non traballa axeitadamente nin está enriba das cousas”, xa que o plan director tiña que estar listo en dez meses desde a resolución do concurso “e nin está nin se lle espera” e ademais lamentou que non haxa un horizonte temporal real, aínda que sexa aproximado, para saber cando se iniciarán as obras e cando estarán rematadas.
Ademais, precisou que, a todo elo, hai que engadir que o propio goberno dixo que, co plan director se introducirían modificacións no proxecto, “o que suporá seguir afondando nos retrasos sen fin” e a maiores hai que ter en conta que este proxecto de modernización de Banda do Río desenvolverase en catro fases, “o cal xa nos levaría, ao ritmo do goberno local, máis ben preto do ano 2035”.
“Non sabemos se é que o BNG non ten claro o que realmente quere facer nesta contorna, se a súa capacidade de traballo está baixo mínimos ou se non teñen cartos e teñen que ir agardando a que vaian entrando aos poucos, ou ben todas estas cousas ao mesmo tempo, pero o único que nos atopamos son excusas peregrinas e uns retrasos que xa cansan aos veciños”, concluíu Estévez.