O PP de Bueu lamenta os incumprimentos e retrasos nos pagos do Concello á Protectora do Morrazo malia o seu gran traballo e reitera a falta de planificación e xestión do goberno

Bueu, 19 de xuño de 2026.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar os incumprimentos e retrasos nos pagos por parte do Concello coa Protectora de Animais do Morrazo malia o seu gran traballo a prol da xestión de animais abandonados no municipio e reiterou que esta situación enmárcase na habitual falta de xestión e planificación do goberno local, que está a afectar a practicamente todos os ámbitos e áreas.

Os populares revelaron que o executivo nacionalista vén de aprobar, a través dunha resolución da Alcaldía, o pago dun anticipo do 80% dos 27.000 euros concedidos para as anualidades 2025, 2026 e 2027, pero calificaron de “vergoña” que este acordo se produza simplemente ante o risco de perder o servizo da Protectora do Morrazo, que expresou a súa desesperación e queixas polo retraso nos abonos e advertíu que, de persistir esta situación, deixaría de atender a Bueu.

“Hai que pagar en tempo e forma antes de recibir estas advertencias, pero lamentablemente levamos meses nos que todo funciona así e o goberno do BNG vai arrastrando os pés e só saca as cousas adiante, sempre con retraso, cando nos queixamos desde a oposición, os colectivos ou os veciños. A súa falta de gañas é desesperante e só fan as cousas cando se lles apreta”, queixouse a voceira municipal, Elena Estévez.

A concelleira popular queixouse ademais da reiterada falta de compromiso do executivo nacionalista con esta entidade “que presta un traballo fundamental que, do contrario, tería que asumir o Concello” e indicou que esta actitude exténdese en xeral ao tratamento dos animais e das mascotas, xa que lembrou a resistencia a que puidesen acudir ás praias de xeito ordenado como sucedía nos demais municipios.

Ademais, indicou que este posicionamento de perfil cos animais e co seu benestar certifícase xa que “o alcalde sempre opta polo silencio cando se lle pregunta pola Protectora”, en referencia a que ten sen contestar as preguntas plenarias do PP sobre estas cuestións.

“Estes incumprimentos e estes impagos poñen en evidencia, ademais do reiterado problema de xestión, a falta de recoñecemento do BNG ao traballo imprescindible deste colectivo, xa que estes retrasos nos abonos poden afectar ao seu funcionamento, como denunciou a propia entidade”, concluíu Estévez.