O PP de Bueu lamenta a “racanería” do goberno no ámbito da Cultura e reclama un maior incremento dos premios Johan Carballeira
Bueu, 27 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar a “racanería” e falta de apoio decidido do goberno de Félix Juncal no ámbito da Cultura tras a publicación das bases da próxima edición dos premios Johan Carballeira para os que pide un maior incremento da dotación económica aos gañadores “para poñelos en valor como se merecen e para situar ao noso concello nun lugar importante no marco da cultura galega”.
Os populares tildaron de “cativo” o aumento dos premios destes galardóns ata os 2.500 euros nas categorías de xornalismo e de poesía, xa que lembraron que trátase dunha iniciativa cultural do propio executivo creada hai anos e que nunca viu modificada a súa contía económica.
Neste senso, o PP local lembrou que no ano 2020 xa presentou enmendas aos orzamentos municipais para que se incrementasen os premios ata os 3.000 euros por cada modalidade e reiteraron a mesma no ano 2023, pero en ambos casos estas peticións foron rexeitadas polo BNG, que agora trata de vender como un fito unha suba “que se queda curta e da que tampouco é para presumir vendo o que se encareceu a vida e o que medraron outros premios culturais”.
A voceira municipal, Elena Estévez, sinalou que esta mellora económica dos certames buenenses “semella máis un parche que un decidido apoio á cultura”, xa que, para ser a primeira vez que se tocan estas achegas, “ben poderían facelo dun xeito un pouco máis ambicioso como pedimos desde hai anos desde o PP”.
“Isto sabe a pouco e confirma a absoluta racanería do BNG con estes premios e coa cultura do noso concello en xeral”, sinalou a concelleira popular, que engadíu que esta actitude forma parte habitual, tristemente, das políticas culturais do goberno de Bueu, xa que a práctica totalidade das actividades que se celebran no municipio xurde do dinamismo dos colectivos culturais e veciñais que axudan a paliar a escasa iniciativa municipal e propio do executivo de Félix Juncal.