O PP de Bueu lamenta a precariedade e os recurtes na Policía Local e esixe solucións inmediatas para garantir a seguridade cidadá
Bueu, 5 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar a situación de precariedade e os recurtes decretados polo goberno de Félix Juncal no corpo da Policía Local, que foron denunciados estes días e que se abordaron no pleno celebrado onte, e esixe solucións inmediatas e efectivas para garantir a seguridade cidadá e a dos propios axentes.
Os populares acusaron ao executivo municipal do grave deterioro deste servizo básico, que foi denunciado polo propio corpo e polos seus representantes sindicais, tras a derradeira decisión de suprimir o servizo de noite e de manter a un so axente na quenda de tarde.
Este novo retroceso engádese a outros problemas que se arrastran e que lastran o axeitado funcionamento da Policía Local, como as instalacións precarias -xa denunciadas hai meses polo PP-, a falta de persoal, os medios caducados, as condicións laborais precarias ou os impagos das horas extra, entre outros.
“Estamos ante unha situación insostible, coa Policía Local absolutamente ao límite, xerada pola mala xestión do goberno local con respecto a este corpo. Cos seus recurtes e coas súas decisións que degradan o servizo o único que están a facer é incrementar a sensación de inseguridade e incluso poñer en risco aos propios axentes”, manifestou a voceira, Elena Estévez, que exemplificou o deterioro do corpo revelando que, recentemente, nunha incidencia o tráfico ata tivo que ser regulado polos bombeiros.
A concelleira popular, que salientou que existe bastante preocupación entre os veciños pola falta de medios da policía derivada da responsabilidade do goberno local, tamén lle quixo lembrar ao alcalde que, aínda que o negara no pleno, este corpo local ten competencias en materia de seguridade cidadá, tal e como recolle a normativa, aínda que el pretenda derivalas en exclusiva á Garda Civil. Ademais, e respecto á Benemérita, Estévez tamén lamentou que non pode facer axeitadamente o seu traballo en Bueu, entre outras cuestións, pola falta dun posto, que é unha cuestión que se comprometeu a conseguir o goberno local e que leva anos sen saír adiante tras varios intentos fallidos.
Finalmente, a voceira do PP reclamou solucións urxentes para que a Policía Local poida atender aos veciños en condicións e non haxa que lamentar no futuro un incremento de delincuencia e se poida manter a seguridade existente. Así, pedíu unha mellora das instalacións, a contratación de máis axentes, a dotación de medios modernos e o cumprimento cos pagos e coas condicións laborais.