O PP de Bueu lamenta a falta de planificación e o descoñecemento do goberno local por ter que aprazar a urbanización de Montero Ríos por incumprir as bases do Plan +Provincia

Bueu, 25 de abril de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar o enésimo episodio de falta de planificación e o descoñecemento da normativa por parte do goberno local que acaban de motivar o aprazamento sine die das obras de urbanización e mellora da rúa Montero Ríos, na contorna da Praza de Abastos, xa que non poden ser financiadas, como pretendía o executivo do BNG, cos fondos do Plan +Provincia por incumprimento das bases.

Os populares lembraron que a achega provincial esixe ter a titularidade ou concesión do vial por parte da administración local para poder acomer obras ao abeiro deste plan da Deputación, polo que o único xeito de acometer a mellora deste espazo pasa por financiala con fondos propios.

Neste senso, lamentaron o patinazo do goberno nacionalista, que presentou ao +Provincia un proxecto de máis de 100.000 euros para esta rúa e ten que botalo atrás polo citado incumprimento e proceder ao seu reemprazo por dous muros na Graña.

“Non parece de recibo que o goberno de Bueu, tendo un concelleiro a soldo para xestionar as subvencións, como é o caso dos plans da Deputación, perda o tempo e o traballo dos funcionarios municipais desta maneira e provoque un retraso nesta obra sen que se saiba realmente cando se vai a acometer”, indicou a voceira municipal, Elena Estévez.

Neste senso, a concelleira do PP explicou que a Xunta, a través de Portos de Galicia, amosou a mellor das disposicións e autorizou a execución de dita urbanización e mellora dun vial da súa titularidade que se atopa en terreos de Dominio Público Portuario, “pero loxicamente o goberno local ten que buscar o financiamento e ten que facelo alá onde permita a normativa que, no caso de Montero Ríos, non pode ser co Plan +Provincia, como deberían saber, porque o vial non é municipal”.

“Non sabemos se o goberno local presentou esta obra ante a Deputación a ver se coaba porque non ten cartos para pagala doutra maneira, ou ben actuou por descoñecemento e a verdade é que non sabemos cal das dúas circunstancias á máis grave, pero en todo caso desde o PP de Bueu esiximos que se acometa canto antes, dado que ten permiso de Portos, a mellora das beirarrúas e a renovación do firme dun vial que está en mal estado e que é dos máis transitados da nosa vila”, aseverou Estévez.