O PP de Bueu lamenta a contratación externa dos servizos funerarios municipais e denuncia unha campaña de privatización do Concello por parte de Félix Juncal
Bueu, 3 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar que o goberno nacionalista estea a acometer un proceso de contratación externa dos servizos funerarios municipais e denuncia que esta iniciativa forma parte dunha campaña de privatización do Concello e de moitas das súas prestacións, tal e como se está a producir ao longo deste mandato, por parte do alcalde Félix Juncal.
Neste senso, os populares advertiron de que o goberno do BNG está levando ao extremo “a deixación de función propias” acudindo a empresas para desenvolver a atención aos veciños. Así, concretaron que ata oito servizos municipais básicos xa foron privatizados, como a limpeza viaria e de praias, o abastecemento e o saneamento -malia a férrea oposición de Juncal cando estaba na oposición- a recadación de impostos, a limpeza e roza de pistas que habitualmente se acometía con persoal propio e da Deputación e incluso a recollida de lixo, que o alcalde sempre quixo revertir “coa boca pequena” para municipalizala de novo.
“A privatización do servizo de enterrador é o culmen dun desmantelamento do Concello, aínda que, ao ritmo que van, aínda poden sorprendernos con máis contratacións alleas… calquera día ao mellor ata privatizan o goberno”, ironizou a voceira municipal, Elena Estévez, que tamén revelou o custe que lle vai supoñer a nova prestación funeraria ás arcas municipais, con ata 153.000 euros para os tres próximos anos nun contrato que ten posibilidade de prórroga por dous máis.
Así mesmo, a concelleira popular tamén reclama explicacións e transparencia, posto que esta contratación impulsouse o pasado 28 de agosto a través dunha resolución da Alcaldía para iniciar o expediente e posteriormente tratou de axilizarse ao máximo con outro ditame no que se avocan todas as competencias do mesmo no rexedor por supostas cuestións de necesidade.
“Preguntámonos que intereses hai, porque tanta axilidade por parte dun goberno que se caracteriza polo seu ritmo cansino na maior parte das cousas e quen sae gañando con todas estas privatizacións”, aseverou Estévez, que tamén criticou as contradiccións do BNG: “Félix Juncal ten un dobre discurso moi triste, xa que di defender o público só nos tres meses de campaña electoral e logo, cando chega ao goberno, cambio o conto durante os catro anos de mandato, pero basicamente todo isto evidencia a súa incapacidade de xestión, porque como non é quen de sacar adiante os servizos con calidade, pois prefire que o fagan empresas externas”.