O PP de Bueu interésase polas xestións do goberno local para desbloquear o informe de Costas que dificulta a construción da Rampla da Pescadoira que proxecta a Xunta

Bueu, 8 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de interesarse polas xestións que está a realizar o goberno local para permitir a construción da nova Rampla da Pescadoira dado que na actualidade ese proxecto se atopa bloqueado pola existencia dun informe vinculante e moi restritivo por parte do Servizo de Costas, dependente do Goberno de España, pero tamén que se abríu un novo escenario coa entrada en vigor, o pasado 1 de xullo, da Lei do Litoral de Galicia.

Ante esta situación, a voceira municipal, Elena Estévez, lembrou que xa pasaron catro meses desde que a Xunta de Galicia se fixo coa xestión da costa, polo que lle preguntou ao goberno nacionalista polo traballo realizado durante todo este tempo para saber en que situación queda, con este cambio normativo, a posibilidade de emprender esta actuación que, ademais, ten o respaldo e o compromiso de financiamento da Xunta de Galicia.

“Ata a data era moi complexo sacar adiante esta obra porque Costas tiña en certo sentido bloqueada a súa execución cun informe que non chega a ser desfavorable, pero que esixía unha serie de condicionantes que facían moi difícil que se levase a cabo. Pero dado o novo escenario, gustaríanos saber o que está a facer o goberno local para saber se a Rampla da Pescadoira segue dependendo do Goberno de España, que quedou con algunha mínima competencia, ou ben é responsabilidade da Xunta, o cal sería unha boa nova xa que o Goberno galego xa dixo que ía respectar e preservar ao máximo o noso litoral, pero tamén que íamos vivir con el e para el fóra de falsos ecoloxismos”, manifestou Estévez.

A concelleira lembrou que esta actuación é moi demandada polo Clube de Remo de Bueu e ten apoio da inmensa maioría da veciñanza, polo que considera que o goberno municipal debería aproveitar que o litoral pasou a mans da Xunta para interesarse pola situación actual, “porque temos unha oportunidade única dado que Portos de Galicia, dependente da Xunta, amosou a súa disposición a financiala”.