O PP de Bueu esixe unha solución para o posto da Policía Local e lamenta a falta de planificación do goberno tras sumarse agora á proposta dos baixos do edificio de vivendas da Xunta
Bueu, 10 de xaneiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de esixirlle ao goberno local a adopción dunha solución definitiva para o posto da Policía Local despois de diversos cambios de opinión, nulos avances e unha nova proposta para, supostamente, crear un Centro de Seguridade nos baixos do futuro edificio de vivendas públicas que vai facer a Xunta no concello.
En todo caso, e máis alá desta reclamación, os populares lamentaron a absoluta falta de planificación e criterio do executivo de Félix Juncal, posto que agora parecen sumarse á proposta do PP para empregar os baixos deste inmoble residencial só nove meses despois de votar en contra dunha moción neste sentido.
Pero en todo caso, a formación liderada por Elena Estévez considera que estas rectificacións, dúbidas, falta de decisión e de traballo “están a provocar que Bueu estea a perder servizos nos últimos anos ou os teña recurtados ou baixo mínimos”. Así, e centrándose na área de seguridade e emerxencias, enumerou que Protección Civil foi desmantelada polo goberno local malia que facía un gran traballo, a Policía Local está en precario e a Garda Civil leva anos agardando por un local para prestar un servizo máis cercano.
Neste senso, os populares indicaron que é preciso adquirir ou alugar un espazo para crear un posto da Policía Local en condicións que dispoña de oficinas, local para a presentación de denuncias e salas de cacheos e de de toma de declaracións, ao tempo que cumpra coa accesibilidade. “Levamos moitos anos cun servizo municipal básico en precario e de cuxas melloras só sabemos pola política de engaño e incumprimentos do goberno local, á que se lle engade a súa total falta de planificación e criterio e, por suposto, o intento diario de vender fume baixo a máxima ‘cada día, unha ilusión’, pero a realidade é que o tempo se perde e os servizos públicos empeoran”, lamentou a concelleira popular.
Así, Estévez criticou especialmente estes cambios de opinión que, ao seu xuízo, demostran unha total falta de planificación, posto que, ademais da Policía Local, levan anos para xestionar a consecución dun local para a Garda Civil malia que a Xunta xa lle cedeu hai meses á Tesourería da Seguridade Social o local elixido na Casa do Mar.
“Non fixeron nin unha xestión, nin para solucionar o da Policía Local nin para o da Garda Civil e agora saen, supoñemos que a modo de ocorrencia como fan todo ultimamente, co Centro de Seguridade nos baixos do edificio de vivendas da Xunta, que hai que lembrar que non está desbotado que se poidan adicar a vivendas, se fose necesario, posto que a normativa permíteo, tal e como dixo a conselleira en Bueu”, apostillou.
En definitiva, o PP buenense esixe que se tome unha decisión definitiva e clara e que se “deixe de enganar aos cidadáns”, para o cal é preciso dotar de senllos postos á Policía Local e á Garda Civil, proceder á prometida reactivación de Protección Civil e “tamén ter a humildade de aceptar e sacar adiante unha proposta do PP se é boa para Bueu, como é o caso do emprego público dos baixos do edificio residencia dal Xunta”.