O PP de Bueu esixe “solucións definitivas” ante os graves problemas de alumeado público na Praza Massó e a Avenida de Marín

Bueu, 22 de xaneiro de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de esixirlle ao goberno local que adopte e invista en “solucións definitivas” para corrixir os graves problemas de alumeado público existentes desde hai moito tempo en puntos céntricos e estratéxicos da vila, como a Praza Massó ou a Avenida de Marín, que teñen unha iluminación moi deficiente que esperta numerosas queixas dos veciños.

Os populares levaron senllas cuestións sobre este asunto ao derradeiro pleno ante a preocupación dos buenenses pola escuridade e falta de confortabilidade para pasear ou circular por estas dúas contornas da vila e lamentaron que, como en veces anteriores, o alcalde, Félix Juncal, admita que hai importantes deficiencias, pero non sexa capaz de solventalas dunha vez por todas. “Non estamos a falar dunha obra millonaria nin dunha complexidade técnica excesiva, pero cremos que limitándose a aplicar parches que non serven non se vai conseguir unha solución definitiva e efectiva para os veciños”, manifestou a voceira, Elena Estévez, que sostén que esta cuestión, como moitas outras sen resolver, confirman a incapacidade de xestión do executivo.

Con respecto á Praza Massó, o goberno respondeu en sede plenaria que xa comezou coa mellora do alumeado “ante a insatisfacción da calidade lumínica”, pero a concelleira popular calificou de “insuficiente” esta afirmación posto que o problema leva enriba da mesa moito tempo. Así mesmo, Estévez tampouco valorou positivamente o anuncio da renovación das luminarias do seu parque infantil, posto que o propio goberno admite que están alimentadas electricamente de xeito provisional “que é precisamente o que estamos a denunciar, a adopción de parches, xunto coa mala iluminación”.

En canto a Avenida de Marín, a edil do PP calificou de “surrealista” que o executivo recoñeza que o problema non é tan sinxelo de solucionar malia que o persoal municipal estalle a facer un seguimento diario e a rearmar os cadros eléctricos. Ademais, e segundo o goberno local, os atrancos xurden dunha avaría na canalización da PO-551 que obrigará a modificación a alimentación eléctrico a outro cadro, “polo que, se saben onde está a deficiencia, que se poñan dunha vez por todas a solucionala en vez de facer perder o tempo todo o día aos traballadores do Concello e ademais sen que se consiga unha iluminación óptima para os veciños”.

“Este tema non é de hoxe, nin de onte, levámolo sufrindo os veciños durante moito tempo e, o peor de todo, é que non vemos interese e capacidade do goberno para solucionalo, pero o triste de todo é que, en pleno ano 2026, o centro de Bueu permanece a escuras e pasar pola noite pola Praza Massó dá medo”, concluíu.