O PP de Bueu esixe responsabilidades políticas a Félix Juncal pola perda de 700.000 euros de axuda da Xunta para o pavillón de Beluso por incumprir reiteradamente o prazo
Bueu, 13 de setembro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de esixir responsabilidades políticas ao alcalde, Félix Juncal, pola perda de 700.000 euros da Xunta para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Beluso por incumprir reiteradamente o prazo de xustificación. Así, o Concello, que xa recibíu estes cartos do Goberno galego, terá que proceder á súa devolución, co conseguinte prexuízo para os veciños.
Os populares explicaron a cronoloxía dos feitos dunha obra que estaba cofinanciada polo partida adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) do ano 2024 e o Concello tiña que tela rematada o pasado 15 de novembro, “pero como é tristemente habitual as obras non avanzan, eternízanse e parece que nunca pasa nada ata que chegamos a esta situación inadmisible”, apostillou a voceira municipal, Elena Estévez.
Antes de que se alcanzara este primeiro prazo, a Xunta concedeu a iniciativa propia dúas ampliacións máis para todos os municipios beneficiarios desta liña de axudas, que vencían respectivamente o 1 e o 12 de decembro de 2025, pero Bueu non conseguíu cumprir con ningunha das dúas e non inaugurou o polideportivo ata comezos de agosto. “Hai que facer as cousas en tempo e forma, pero ás veces os prazos son xustos e pode entenderse que te retrases un par de semanas, pero neste caso falamos de oito meses”, indicou a edil.
A concelleira do PP tamén lembrou que a perda desta axuda polo incumprimento municipal do prazo xa sobrevoaba o pleno, posto que os populares xa advertiron desta situación en moitos plenos e incluso a Intervención municipal leva poñendo reparos desde a quinta certificación da obra –que logo foron levantadas polos executivo do BNG– alertando de que se ía fóra de prazo e que se ía perder a axuda autonómica.
“Levamos todo o mandato dicindo que as obras van mal e tarde da man dun goberno totalmente esgotado e cansado, pero agora chegamos a unha situación totalmente inadmisible porque eses 700.000 euros vano pagar os veciños con subas de impostos, recurtes nos servizos municipais ou obras que non se poderán facer. Isto é moi grave e o alcalde ten que dar a cara en serio, non facéndose a vítima”, manifestou Elena Estévez.
A voceira do PP recordou, ante as súas advertencies desta perda de fondos, que o alcalde sempre dixo que defendería a Bueu nos xulgados se tiña que devolver os cartos malia que a responsabilidade é exclusivamente súa por mala xestión e apostillou que “defender a Bueu non é poñerse a gastar máis cartos en algo no que o goberno non ten razón, como di a Intervención, defender a Bueu é poñerse a traballar, facer as obras en tempo e cumprir os prazos, así que o BNG hai moito tempo que non defende a Bueu, está desaparecido”.
Finalmente, tamén lle pedíu ao alcalde que non adopte a postura vitimista de que a Xunta lle castiga, porque lembrou que hai apenas unhas poucas semanas, nun acto na vila co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a colaboración institucional, “algo normal cos investimentos millonarios que está facendo en Bueu, así que agora non coa o discurso contrario, porque non se pode soprar e sorber a un tempo”.