O PP de Bueu esixe ao goberno local que deixe de retrasar a solución aos problemas de ruído na Biblioteca Municipal Torrente Ballester xerados polo sistema de climatización

Bueu, 16 de marzo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de reiterar a necesidade de corrixir de inmediato os frecuentes problemas de ruído que padecen os usuarios da Biblioteca Pública Municipal Gonzalo Torrente Ballester a causa do mal funcionamento dos sistemas de climatización e ventilación e lamentan os continuos retrasos por parte do goberno local, ao que lle esixen unha solución urxente.

A voceira municipal, Elena Estévez, interesouse novamente por esta situación e polas previsións do goberno local para solventar esta deficiencia no derradeiro pleno, posto que este problema xa foi posto sobre a mesa polos populares de xeito recurrente en numerosas sesións e provoca queixas dos usuarios desde hai moitos meses, xa que o ruído dificúltallles as tarefas de estudo e lectura.

Segundo explicou a concelleira do PP, o goberno de Félix Juncal anunciou, na súa resposta á pregunta plenaria, que xa dispoñía dun orzamento para esta reparación e que agarda acometer a actuación para conseguir silenciar a climatización durante a próxima primavera. Ao respecto, a edil popular sinalou que a súa formación vai estar pendente para que se cumpra con esta previsión, posto que os usuarios levan máis dun ano agardando para que se solvente esta molestia.

“Estamos ante unha pequena actuación, algo propio do día a día, que é precisamente onde falla estrepitosamente o executivo nacionalista, que non é moi amigo de facer o oportuno mantemento nos equipamentos e servizos municipais. Pero neste caso estamos ante unha situación clamorosa e que sorprende porque o edificio reabríu as súas portas, tras a reforma, hai menos de ano e medio, polo que todos os equipos e sistemas debían estar en condicións e, xa que neste caso non é así, polo menos debía ter axilizado a solución”, detallou Estévez.