O PP de Bueu esixe a limpeza do acceso a Curraces e a roza xeral das parcelas municipais para minimizar o risco de lumes
Bueu, 12 de agosto de 2025.- O grupo municipal do PP de Bueu vén de amosar a súa preocupación polo estado de abandono das parcelas municipais, e máis na actual situación coa vaga de calor e o risco extremo de lumes forestais, polo que solicita a limpeza e roza xeral de todas estas propiedades para minimizar os posibles efectos dun incendio. No marco desta demanda, os populares veñen de insistir especialmente o acondicionamento e a corta de maleza no acceso a Curraces nunha finca pertencente ao Concello.
Neste caso, o PP local indicou que a vexetación impide un tránsito normal tanto polas escaleiras como polo acceso peonil e o de vehículos e considera que non se pode permitir que presente este estado en pleno verán e nas inmediacións das vivendas. Ademais, revelaron que os propios veciños afectados xa trasladaron esta demanda ao goberno local e non obtiveron resposta nin se actúa na zona.
“A situación de Curraces é unha pena e ademais podemos extendela ao resto do noso municipio, xa que alí onde hai fincas ou propiedades municipais prima o estado de abandono sen que haxa un mínimo interese por resolver os problemas dos veciños. Levamos semanas cunhas temperaturas moi altas, con todo moi seca e con serias advertencias do risco de lume, pero parece que iso non vai co BNG de Bueu”, apostillou a voceira, Elena Estévez, que lembrou que nesta contorna hai ademais unha antiga escola unitaria que é bastante empregada polos veciños como local de ensaio e adestramento.
Seguindo con este asunto, a concelleira popular incidíu en que este caso é un exemplo máis da preocupación que existe entre os veciños de Bueu pola falta de mantemento xeralizada das propiedades municipais en todo o concello, polo que lle reclama ao executivo local que supervise o estado das súas parcelas e acometa os traballos de mantemento e roza no prazo máis breve posible. Así, lembrou que hai uns días produciuse un incendio forestal na parroquia de Cela que se orixinou precisamente nunha parcela do Concello que estaba sen limpar.