O PP de Bueu esixe a dotación dun local en condicións e dos medios necesarios para a Policía Local ante o abandono do servizo por parte do goberno
Bueu, 23 de decembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de esixirlle ao goberno bipartito liderado polo BNG que proceda de inmediato á dotación dun local en condicións e dos medios necesarios para a Policía Local ante a precariedade coa que está a funcionar este corpo polo “absoluto abandono” do servizo por parte do Concello.
Os populares, que demanda a inclusión de partidas específicas para estas medidas nos Orzamentos 2026 “en caso de que sexan capaces de elaboralos sen moito retraso como en anos anteriores”, lembraron que xa levan tempo pedindo diversas melloras para a Policía Local anta a situación de deterioro á que a está a levar o goberno de Félix Juncal. Neste senso, indicaron que volverán a insistir nas súas reclamacións, dado que é un servizo básico para os veciños, ante as novas queixas expresadas polos representantes sindicais do corpo e polos contactos que mantiveron estes días con algúns axentes.
En primeiro lugar, o PP considera imprescindible o cambio do posto, xa que o local actual é cativo, non cumpre coas medidas de accesibilidade para favorecer a entrada de todos os veciños, non dispón dunha sala para a toma de declaracións no obrigatorio clima de privacidade e presenta outros desperfectos. “Non debería ser moi difícil buscar unha dependencia ou un baixo que cumpra cos requisitos, pero iso si, implica un pouco de traballo”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez.
A concelleira tamén calificou de “lamentable” o estado dos dous vehículos destinados ás patrullas, xa que presentan golpes, atópanse en malas condicións e, aínda por riba, ningún dos dous conseguíu superar a ITV por deficiencias graves, “polo que non poden usarse e temos un servizo totalmente minimizado, xa que os axentes non poden acudir con celeridade a calquera incidencia”.
“O local non serve, os coches están mal e seguen sen cambiarse malia que o Concello está informado e que se comprometeu reiteradamente a adquirir uns novos e, en xeral, os medios materiais do corpo obrigatorios por lei están afectados”, lamentou Estévez, que engadiu que o caso da Policía Local “é o claro exemplo do funcionamento que sufrimos no noso Concello, cun goberno sen gañas e unha xestión que fai que non haxa diñeiro para que os servizos e as atencións que lle importan aos veciños estean en condicións”.