O PP de Bueu denuncia que o goberno incumpre de novo cos clubes e asociacións polos impagos das axudas municipais das últimas tres anualidades
Bueu, 8 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar que o goberno de Félix Juncal volve incumprir de novo e de xeito flagrante cos clubes deportivos e coas asociacións culturais polos impagos das axudas do Concello comprometidas con estas entidades correspondentes ás tres últimas anualidades, as de 2024, 2025 e 2026.
A voceira municipal dos populares, Elena Estévez, calificou a situación de “moi grave” xa que o goberno nacionalista “volve xogar outra vez coa estabilidade económica e a supervivencia” dos colectivos deportivos e culturais, “porque non é só que conten cuns cartos para as súas actividades, senón que tamén agardan que se lles pague en tempo e forma e non teñan que esperar anos a percibilas”.
Neste senso, a concelleira do PP lembrou que o executivo do BNG xa “asfixiou” as contas de clubes e asociacións en anos anteriores, xa que non cobraron as de 2022 e 2023 ata finais de 2024 despois de que se denunciara a situación desde a oposición e se aprobara un suplemento de crédito no mes de novembro dese ano.
“O goberno está inmerso de novo nunha dinámica de retrasos e impagos que demostra a súa ineficacia absoluta na xestión económica e o seu cansancio no goberno, porque tras o lamentable retraso nas anteriores axudas comprometeuse a estar ao día cos clubes e asociacións, pero a realidade é que estamos en setembro de 2026 e volve a ter pendentes os abonos de 2024, 2025 e deste mesmo exercicio nunha situación absolutamente lamentable”, advertiu Estévez, que engadiu que estas demoras provocan que as axudas non cumpran co seu obxectivo de apoiar o día a día e as actividades dos beneficiarios e poñan en risco a súa viabilidade e supervivencia, que ademais é fundamental para Bueu porque fan máis programación e traballo deportivo e sociocultural que o propio Concello.
“O goberno de Bueu volve a incumprir a súa palabra, coma sempre, e agora só fai falta que saia o alcalde a dicir que apoia o deporte base”, ironizou a concelleira popular, que considera que o goberno está demostrando a súa incapacidade para atender a clubes e asociacións e úrxelle a que cumpra de inmediato procedendo ao pago. “Din que vai agora que andan cos orzamentos, pero ao seu ritmo habitual de traballo nunca se sabe cando pode ser iso, pero o que é seguro é que as pagarán antes das eleccións vendendo o favor cando o que debían facer é pedir desculpas”, significou.
Finalmente, Elena Estévez lembrou que o Partido Popular xa anunciara, co gallo das pasadas eleccións municipais, a súa proposta para que o Concello establecese un plan de pago a asociacións e clubes para que perciban as achegas municipais xusto ao inicio do ano seguinte ao da actividade e volverá a incluír esta proposta no programa de 2027.