O PP de Bueu denuncia o pésimo estado dos aparcadoiros disuasorios públicos do centro urbano pola falta de mantemento e lamenta a política de “deixar pasar” de Félix Juncal
Bueu, 23 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar o pésimo estado dos aparcadoiros disuasorios públicos emprazados no centro da vila pola constante falta de mantemento e conservación por parte do goberno nacionalista e lamenta a cada vez máis crecente política de “deixar pasar” sen adoptar solucións aos moitos problemas do concello por parte do alcalde, Félix Juncal.
Os populares criticaron a situación destes estacionamentos, xa que presentan fochancas de grandes dimensións que provocan que aparcar o vehículo “sexa máis unha ginkana que calquera outra cousa” e exemplificaron o mal estado dos meses nos dous situados nas inmediacións da Avenida Pazos Fontenla, o da Virxe da Milagrosa e o de Banda do Río.
Neste senso, concretaron que o seu estado é lamentable e que lles pode ocasionar danos aos vehículos, ademais de molestias aos seus ocupantes, o que supón un claro prexuízo para os veciños e tamén para os visitantes, principalmente nesta época de verán na que a vila está ateigada de xente. Ademais, incidiron en que, co seu pésimo estado e co incremento de vehículos nos mesmos nestes meses dificúltanse moito as manobras de condución e que, a maiores, déixase unha moi mala imaxe da vila.
Ante esta situación, a voceira municipal, Elena Estévez, que recibíu moitas queixas dos buenenses por estes feitos, reclamou unha solución urxente para a súa reparación, xa que aínda quedan dous meses de verán, pero é que ademais é necesaria para que os veciños os poidan empregar en condicións o resto do ano.
Por iso, tras lamentar a mala xestión do goberno local pola súa interminable lentitude para arranxar os equipamentos ou acometer as obras, a concelleira do PP tamén lle reclamou máis humildade ao goberno nacionalista con respecto ás propostas e mocións da súa formación, xa que lembrou que sempre votan en contra alegando que xa está traballando na adopción de solucións, pero nunca chegan ou tardan anos “co conseguinte deterioro das nosas infraestruturas, equipamentos e servizos e minguando a calidade de vida dos veciños”.