O PP de Bueu denuncia o pésimo estado do vial dos centros educativos e de saúde e reclama o seu arranxo inmediato

Bueu, 18 de xaneiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar publicamente o pésimo estado no que se atopa a rúa Don Juan Veiga, que é o acceso principal a varios centros educativos e de saúde da localidade, e reclama o seu arranxo inmediato por parte do goberno local tras lamentar a situación de abandono á que ten sometido este vial tan empregado pola veciñanza.

Os populares lembraron que hai dous anos presentaron unha moción ante o pleno solicitando a reparación desta rúa e o executivo nacionalista, tras votar en contra da mesma, acometeu a mellora de só un primeiro treito deixando de lado gran parte da mesma.

“Lamentablemente estamos ante un claro exemplo do goberno que temos en Bueu, que despreza as propostas construtivas do PP só porque proceden de nós e logo tenta lavar un pouco a cara ante a veciñanza con parches ou arranxos a medias sen ofrecer as solucións que merecen os veciños”, significou a voceira municipal, Elena Estévez.

A concelleira popular indicou que, como consecuencia do abandono de gran parte desta rúa, a mesma seguíuse deteriorando durante todo este tempo e na actualidade presenta grandes fochancas e fendas e moita suciedade, “polo que se atopa en moi malas condicións, ao igual que o acceso ao aparcadoiro desta contorna, e iso afecta á seguridade do tráfico e tamén do tránsito peonil, xa que hai un claro risco de caídas ou esvaramento”.

A edil do PP engadíu que este vial e a zona de estacionamento son usadas diariamente por centos de veciños, posto que se trata do acceso ao punto médico, o CEIP A Pedra e o instituto e cre que a necesidade seu arranxo é “notoria e imprescindible”, polo que ironizou con que se acometa esta obra “cos 12 millóns de euros que o goberno nacionalista prometeu en investimentos para os dous próximos anos e que dos, ao igual que os veciños, temos moitas dúbidas de que vaian a ser reais”.

Seguridade nunha visita escolar

Por outra banda, o PP local tamén se vai interesar no próximo pleno pola visita realizada esta semana por alumnos do CEIP A Pedra ao teito da biblioteca municipal para comprobar as placas solares instaladas polo Concello, xa que estaban nese emprazamento sen cascos nin, aparentemente, outros sistemas de seguridade. Os populares consideran positivo que se fagan actividades de concienciación coa mocidade, pero cren imprescindible que se acometan sen poñelos en risco, polo que cuestionarán sobre elo ao goberno municipal.