O PP de Bueu denuncia o incumprimento do prazo de execución na obra de saneamento en Area de Bon e lamenta o estado do acceso á praia ás portas de Semana Santa
Bueu, 25 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar o reiterado incumprimento do prazo de execución na obra de ampliación e mellora do saneamento e o abastecemento en Area de Bon, na parroquia de Beluso, xa que aos prexuízos por este importante retraso ao que engadir o lamentable estado do vial de acceso á súa praia como consecuencia destes traballos xusto ás portas da Semana Santa.
Os populares indicaron que a xestión desta obra por parte do goberno local, algo que se repite en practicamente todas as actuación, non está a ser a máis adecuada, posto que a acta de replanteo asinouse o pasado 14 de xullo e tiña un prazo de execución de cinco meses, polo que tiña que estar rematada antes de finais do pasado ano.
Sen embargo, o executivo concedeulle unha prórroga de dous meses, ata o pasado 14 de febreiro, xustificándose en diversas xestións que había que facer coa empresa de distribución eléctrica, así como polos efectos dos temporais e as vacacións navideñas.
Ademais, o propio goberno local tamén aprobou un modificado do proxecto inicial para incluír un bombeo adicional, pero especificou textualmente, nun comunicado do pasado 21 de decembro, que dita circunstancia non afectaría ao prazo de execución.
“Non pode ser que unha obra comece en xullo e teña que estar lista en cinco meses e xa levemos case nove e siga sen rematar. Pero é que ademais, a tres días de que comece a Semana Santa, todo apunta a que os traballos vanse paralizar por estas datas festivas e non se retome ata comezos do abril, co cal seguiríase acumulando un retraso que nos parece excesivo, porque podemos entender unha pequena demora, pero se case imos duplicar o prazo previsto é que hai un problema de xestión, supervisión e control das obras e desta en concreto”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez, que lle reclamou dilixencia ao goberno de Félix Juncal.
Finalmente, a concelleira popular lembrou que este problema non é un caso puntual, xa que estas situacións son “unha constante” na execución de todas as obras e lamentou que ao executivo nacionalista “nunca parecen importarlle as cousas, como se non fora con eles, nin os prexuízos para os veciños nin para os negocios, porque está clara que a situación en Area de Bon non vai convidar a que a xente vaia en Semana Santa, na que ademais parece que vai haber bo tempo”.