O PP de Bueu denuncia o estado de absoluto abandono da ruta dos Muíños de Hermelo e critica que o goberno se limite a publicitar esta senda e desbote acondicionala

Bueu, 20 de agosto de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar o estado de absoluto abandono e a intransitabilidade da ruta dos Muíños de Hermelo, que está chea de maleza de grandes dimensións que dificulta e afea o percorrido dos caminantes.

Os populares, que salientaron que esta senda é moi empregada durante todo o ano pero especialmente durante os meses de verán, adoita a ser publicitada polo executivo de Félix Juncal, pero consideran un contrasentido que realicen tarefas de promoción da mesma pero desboten acondicionala.

“Ou o goberno non se entera ou pasa de todo, que é algo que vemos todos os días e en todas as áreas do Concello, pero en calquera destes dous casos é grave que en Bueu non se fagan nin sequera as cousas máis sinxelas”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez, que ironizou con que, ante esta situación, o goberno local debería polo menos avisar aos sendeiristas para que acudan preparados para facer labores de limpeza nesta ruta.

Ademais, desde o PP buenense calificaron de “ridícula” a excusa do executivo nacionalista de que non teñen suficiente persoal municipal para limpala e poñela en boas condicións para os usuarios. “En Bueu só funciona o que vén pagado pola Xunta e pola Deputación, que son realmente as que están facendo cousas e as que están a rescatar ao noso concello, porque o Concello nin está nin se lle espera”, sinalou a concelleira popular.

Elena Estévez reclamou a preparación, limpeza e roza inmediata desta senda dos Muíños de Hermelo e tamén que se proceda á dotación da correspondente sinalización, que é unha cuestión que xa foi reclamada polo PP en ocasións anteriores.

Finalmente, a edil tildou a actitude xeralizada de absoluta deixadez do BNG de “insoportable” e lembrou que a súa inacción co acondicionamento das rutas de sendeirismo é habitual e non se limita a este caso, xa que as queixas veciñais polo mal estado de todas as sendas reprodúcense todos os anos e incluso, o pasado xullo, desde o PP denunciouse publicamente a situación de abandono con presenza de abundante maleza na ruta dos Muíños de Trasouto.