O PP de Bueu denuncia o estado de abandono e a falta de limpeza da área municipal de autocaravanas de Achadiza e lamenta a deixadez de funcións do goberno local
Bueu, 17 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar o absoluto estado de abandono e a evidente falta de limpeza, mantemento e rozas da área municipal de autocaravanas de Achadiza, na parroquia de Beluso, e lamenta a deixadez de función do goberno local nunha zona da súa exclusiva competencia e, sobre todo, na época de maior uso dun espazo destas características.
Os populares revelaron que esta contorna, en funcionamento desde o ano 2023, está totalmente invadida pola maleza e presenta gran parte do seu arborado totalmente descontrolado, o que dificulta o seu uso por parte dos caravanistas e está a motivar queixas dos veciños desta zona.
Neste senso, desde o PP acusaron ao executivo de Félix Juncal de adicar 160.000 euros dunha achega da Deputación a mercar as dúas hectáreas desta área e a proceder á súa explanación e acondicionamento e esquecerse por completo dela nos tres anos que leva en funcionamento.
“Estamos ante o exemplo evidente do mal funcionamento do noso Concello. Cando chegan cartos da Xunta ou da Deputación fai unha actuación do xeito máis fácil porque llo dan todo feito, aínda que sempre con retrasos interminables, e logo, cando ten que actuar só no marco das súas competencias, desenténdese por completo e acabamos tendo medio concello totalmente abandonado”, lamentou a voceira municipal, Elena Estévez.
A concelleira indicou que a creación desta área de autocaravanas era unha boa solución para ordenar un pouco a cada vez maior chegada destes vehículos a Bueu, pero advertíu de que, se non está en condicións, non servirá para este fin xa que non será empregada polos caravanistas. “Ou perderemos visitantes ou camparán ás súas anchas, o que é moi triste, en ambos casos, tendo unha área para esta función”, apostillou.
Finalmente, Elena Estévez tamén criticou, ademais do estado desta parcela municipal, as contradiccións do goberno do BNG, xa que lle esixe aos veciños que manteñan limpas e rozadas as súas fincas, pero paralelamente ten a monte e descoidadas as que son de titularidade municipal, como neste caso en Achadiza.