O PP de Bueu denuncia o derrubo parcial do solo da fonte da Praza Massó e alerta do risco de accidente polo seu grave estado cun boquete de grandes dimensións

Bueu, 21 de agosto de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar a existencia dun importante afundimento na contorna da fonte da Praza Massó, co derrubo parcial do solo, e alerta do evidente risco de accidente polo seu grave estado pola presenza dun boquete de grandes dimensión. Ante esta situación, que xa se prolonga desde hai un mes, insta ao goberno nacionalista de Félix Juncal a que proceda á súa reparación inmediata antes de que se produza algún incidente.

Os populares advertiron de que unha parte do exterior da fonte cedeu no seu firme e abríuse un burato bastante importante e profundo que ademais presenta varias lousas rotas nos seus bordos. Dita situación, que xera mala imaxe no centro da vila pero sobre todo pode ocasionar algún accidente, xa se prolonga desde hai varias semanas, en pleno verán, e para completar o despropósito está sinalizada de xeito moi deficiente con apenas unha vara e unha tira de plástico.

Ademais, desde o PP buenense lamentaron que tampouco existe ningunha previsión de arranxo “malia que a situación clama ao ceo” e enmarcaron esta inacción do goberno local “na política de deixadez, abandono, esgotamento e desgaste que os veciños levamos sufrindo todo este mandato”.

A voceira municipal, Elena Estévez, calificou de “incomprensible” que un espazo tan concorrido en pleno centro urbano estea afundido nunha situación de evidente perigo e con claro risco para as persoas “e desde o goberno local non se faga absolutamente nada en semanas”. Neste senso, aludíu directamente á deixadez do alcalde Félix Juncal: “Se non ten ganas que marche, pero o que está pasando coas rutas de sendeirismo, coas praias, coas áreas recreativas, co estado dos aparcadoiros, coa Policía Local, cos parques infantís… con absolutamente todo o que é da súa competencia sen arranxar é lamentable e non é o que merecen os veciños de Bueu”.