O PP de Bueu denuncia “o caos e o abandono” na praia de Area de Bon e nos seus accesos na primeira fin de semana de afluencia masiva

Bueu, 15 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar “o caos e o abandono” vivido esta pasada fin de semana na praia de Area de Bon e nos seus accesos con motivo dos primeiros días de afluencia masiva pola chegada  do sol e das altas temperaturas.

Os populares lamentaron que “nada funcionase” neste areal e na súa contorna pola exclusiva irresponsabilidade e deixación de funcións por parte do goberno de Félix Juncal, posto que Area de Bon, malia contar con bandeira azul, tiña a caseta de socorrismo en pésimas condicións e presentaba un mal estado en termos xerais

Pero a situación máis grave, segundo criticou o PP buenense, sufríuse nos seus accesos como consecuencia das obras de saneamento que se están a acometer nesta zona, incomprensiblemente durante o verán, polo que é posible que estes problemas se reproduzan nas próximas semanas. “Estamos ante un dos exemplos máis graves de absoluta falta de previsión na execución de obras por parte do goberno do BNG, e iso que desgrazadamente teñen unha lista moi longa, porque non é de recibo que esta actuación se faga na época do ano na que estes accesos teñen máis usuarios”, advertíu a voceira municipal, Elena Estévez.

Ao respecto, os populares revelaron que o vial de entrada e saída á praia estaba cheo de auga, que os peóns tiveron que sortear valados de obra e escombros, que só estaba habilitado un carril de circulación por estes traballos que impedía o tráfico simultáneo e colapsou o acceso, que a falta de espazo provocou o estacionamento de vehículos a ambas marxes acrecentando os problemas e que, outro ano máis, as zonas habilitadas como aparcadoiro estaban sen pintar dificultando o aproveitamento da superficie.

Ante esta situación, Elena Estévez lamentou que o goberno local comezase outro verán máis repetindo os graves erros na xestión das praias, dos seus accesos e dos seus servizos e reclamou a adopción de solucións urxentes e efectivas en todos os areais de Bueu, así como medidas de coidado dos mesmos antes de que chegue a época de maior asistencia no mes de xullo.