O PP de Bueu denuncia incumprimentos e irregularidades no servizo de socorrismo en praias pola carencia de embarcacións, que están gardadas en dependencias municipais

Bueu, 21 de agosto de 2025.

O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar incumprimentos e irregularidades no servizo de socorrismo e salvamento das praias do concello, adxudicado por tres anos á empresa Ambipar, posto que carece das embarcacións acuáticas comprometidas, xa que os dous vehículos que debían estar operativos atópanse gardados en dependencias municipais.

Os populares lembran que a firma encargada, que foi a única que se presentou ao concurso e que recibe 142.458 euros por dous meses e medio da tempada de verán, estaba obrigado, segundo o recollido no prego, a contar cunha moto acuática para atender calquera incidencia e incluso ofertou, como mellora, a dotación dun segundo vehículo das mesmas características.

Ademais, e segundo explicou o goberno do BNG ao comezo do verán, ditas embarcacións estarían ubicadas nas praias de Area de Bon e Portomaior, respectivamente, para poder actuar de xeito áxil nos cinco areais incluídos neste servizo, que son estes dous máis os de Lapamán, Lagos e Banda de Río. Sen embargo, o PP buenense comprobou que ambas motos levan practicamente todo o verán aparcadas na sede de Protección Civil e nunha nave do Concello.

Para os populares, a situación é de bastante gravidade, e xa non só polo incumprimento do prego de contratación, senón pola ausencia destes vehículos para atender calquera incidencia, emerxencia ou accidente que poida suceder na auga. “Están poñendo en risco aos bañistas e usuarios, posto que se hai que actúar no mar perderíase un tempo que pode ser fundamental en acudir a estas instalacións e trasladar as motos ata as praias”, advertíu a voceira municipal, Elena Estévez, que instou ao executivo nacionalista a reverter esta situación canto antes e esixir a presenza das motos nos areais.

“A empresa non está a cumprir co servizo, pero faino porque lo permite. Aquí hai un único responsable que é o goberno de Félix Juncal, que non sabemos se fai a vista gorda ou está sumido en tal inacción que non cumpre co seu deber de vixilancia de cumprimento dos contratos, pero en todo case estáselle furtando aos veciños e visitantes un servizo polo que estamos pagando. En definitiva, a xestión das praias por parte do BNG de Bueu sempre foi bastante mala, pero este verán é un completo desastre”, indicou a concelleira, que lembrou os constantes episodios de contaminación que están a provocar os peches durante días das praias.