O PP de Bueu denuncia a falta de mantemento no Pavillón Pablo Herbello con humidades e filtracións de auga e solicita ao bipartito a súa reparación no plan de investimentos

Bueu, 13 de xaneiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de denunciar publicamente a falta de tarefas de mantemento e conservación no Pavillón Municipal Pablo Herbello Novas, que padece a presenza de humidades e de filtracións de auga, e solicítalle ao goberno bipartito que proceda á sua inmediata reparación a través do anunciado plan de investimentos.

Os populares lamentan as deficiencias existentes nesta instalación deportiva, empregada ademais por centos de deportistas e incluso por un equipo de máximo nivel como o Bueu de balonmán, xa que existen importantes espazos con humidades nos laterais da instalación que, supostamente, non é necesario arranxar posto que non afectan ao terreo de xogo.

Sen embargo, esta situación “non é de recibo” para o PP local, que advirte de que o mal estado de certas marxes da pista podería ocasionar algún accidente se alguén esvara nesta zona e ademais dá unha moi mala imaxe aos visitantes e usuarios da instalación e incluso podería afectar á salubridade do recinto.

“Cada vez son máis difíciles de crer as cortinas de fume do goberno local, que leva dúas semanas intentando que alguén lle compre que se van investir 12 millóns de euros nos dous próximos anos, porque este anuncio non parece moi crible polos seus antecedentes de exercicios anteriores, pero tamén porque o Concello nin sequera é capaz de arranxar unha simple entrada de auga nun recinto deportivo”, apostillou a voceira municipal, Elena Estévez.

Por elo, o PP de Bueu quere pedirlle ao goberno bipartito que, ante o mal estado da instalación e a reiterada falta de mantemento, mude a súa postura con este polideportivo municipal e inclúa unha partida para a súa reparación no prazo máis curto posible ao abeiro do plan de investimentos “que levan semanas intentando consensuar entre os dous partidos do goberno local e que semella que non tiña esta mellora entre os seus obxectivos, pero cremos que agora non teñen excusa porque ben o merecen os nosos deportistas”.