O PP de Bueu critica a resistencia do bipartito á conciliación dos traballadores municipais tras unha sentenza condenatoria por dificultar a unha limpadora o coidado da súa nai

Bueu, 12 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de criticar a resistencia do goberno bipartito de Félix Juncal a conceder os dereitos á conciliación familiar e laboral dos traballadores do Concello despois de recibir unha sentenza condenatoria do Xulgado do Social número 3 de Pontevedra por dificultar a unha limpadora, que é persoal laboral fixo da administración local, a adaptación das súas tarefas para o coidado da súa nai dependente.

Os populares veñen de valorar este fallo xudicial despois de que o executivo local emitise hoxe unha resolución na que decide non presentar recurso e proceder ao cumprimento da condena, consistente en atender as “xustas demandas” desta traballadora e abonar a correspondente indemnización de 1.000 euros en concepto de danos e prexuízos.

Para o PP buenense, o goberno de Félix Juncal queda “totalmente retratado” con esta situación, xa que lembrou que os dous partidos que o conforman, BNG e PSOE, “adoitan a falar da defensa dos dereitos dos traballadores por quedar ben, pero á hora da realidade, como reflicte a triste realidade deste caso, néganlle todo e incluso obríganos a acudir aos tribunais para defender e conseguir os dereitos que lles corresponden”.

A voceira municipal, Elena Estévez, lamentou que non se atenderán as peticións desta traballadora para desempeñar as súas tarefas nos edificios municipais que tiña asignados antes do cambio de zona ou que puidera facelas preto da súa zona de residencia en Beluso e criticou as “excusas” do executivo municipal sobre coberturas de baixas e outras circunstancias “porque, ao fin e ao cabo, supuxo negarlle que puidese coidar da súa nai dándolle as facilidades que lle corresponden o lei para concilialo co seu labor”.

“Non se entende a súa negativa, non se entende que non arranxaran a situación cando a traballadora acudíu a xustiza e non se entende tampouco que agora non recurran se crían que tiña a razón en desatender esta solicitude, porque entón cabe preguntarse se actuaron mal e contra a traballadora a sabendas”, manifestou a concelleira popular, que cre que os 1.000 euros que deben abonarlle como indemnización son “unha vergoña” para o executivo municipal, que cre que “debía pagalos do seu peto para que a súa neglixencia deste asunto non sexa abonada con cartos de todos os veciños”. Finalmente, Estévez solicitou que, a partires de agora, se atendan axeitadamente as peticións de conciliación do persoal e se respecten os seus dereitos.