O PP de Bueu condena as declaracións “racistas” do concelleiro cangués Eugenio González sobre o colectivo marroquí do municipio e solicita a súa dimisión

Bueu, 9 de abril de 2026

O grupo municipal do PP de Bueu vén de condenar con rotundidade as declaracións “racistas” do concelleiro socialista cangués Eugenio González culpando aos “peruanos de Vigo e aos marroquís de Bueu” do deterioro dos campos de fútbol do concello veciño e quere solicitar a súa dimisión inmediata por considerar que, con esta actitude, non pode exercer dignamente unha representación pública.

Os populares buenenses quixeron amosar a súa total solidariedade e apoio coas decenas de persoas do colectivo marroquí de Bueu ante un ataque inxustificado e “xenófobo” tentando culpar a estas persoas estranxeiras dos desperfectos das citadas instalacións deportivas. “Se o multipartito de Cangas non é quen de ter en bo estado os seus recintos que mire primeiro na súa xestión antes de responsabilizar aos usuarios simplemente por non ser españois”, indicou a voceira municipal, Elena Estévez.

Para o PP buenense, estas manifestacións do edil socialista van contra o clima de convivencia e integración dos migrantes, que lembra que están perfectamente adaptados en Bueu e no resto do Morrazo, e engadíu que a súa intervención no pleno de Cangas, cortando de raíz as risas que se escoitaban de fondo, vén a ser unha rotunda reafirmación das súas lamentables acusacións, polo que entende que non pode ser rectificada polas súas forzas desculpas posteriores. “Tal como dixo o que dixo, está ben que a nivel persoal pida perdón, pero a nivel político cremos que é unha persoa que non pode ostentar un cargo público polo racismo que hai nas súas palabras”, manifestou Estévez, que agarda que os seus compañeiros socialistas de Bueu censuren tamén estas manifestacións, defendan ao colectivo marroquí do municipio e esixan a súa marcha. Do mesmo xeito, extendeu esta reclamación ao BNG, xa que tamén quixo criticar o tibio intento de xustificación da alcaldesa canguesa recomendándolle que falase dun grupo de rapaces.

“Co que temos que escoitarlle ao PSOE e a outras forzas de esquerda sobre os migrantes e a postura crítica que manteñen con outras forzas políticas por este asunto, cremos que terían que dar exemplo, agás que todo isto sexa un postureo que manteñen por interese electoral. Pero en todo caso no PP de Bueu si defendemos a esta xente que vén de fóra, que elixe Bueu para traballar e para facer a súa vida, e non imos consentir que ninguén lles ataque nin lles trate así”, concluíu a voceira popular.