O PP de Bueu califica de “inadmisible” o retraso continuado no proxecto de Banda do Río e advirte que o goberno vai cumprir unha década sen ser capaz de iniciar as obras
Bueu, 28 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de calificar de “totalmente inadmisible” o retraso continuado no proxecto de mellora e recuperación de Banda do Río despois de que o goberno de Félix Juncal anunciara esta semana que a redacción do plan director está previsto que se adxudique nos próximos días, “que é algo que creremos cando o vexamos porque os incumprimentos nesta actuación son reiterados”.
Por iso, os populares advirten de que o executivo do BNG vai cumprir o próximo ano unha década completa sen ser capaz de iniciar as obras desta actuación orientada á recuperación da fachada litoral e marítima da vila, posto que comezou a deseñar e a falar desta iniciativa no ano 2018. “Entre a redacción do plan director e as posteriores tramitacións administrativas para as obras case se pode dar por seguro que non se iniciará neste mandato e cumprirase unha década de moito fume e publicidade e ningunha solución para os veciñso”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez.
Ademais, a concelleira do PP calificou de “mal chiste” que o goberno nacionalista, co gallo do anuncio da próxima adxudicación do plan director, presumira de reducir os prazos da súa redacción de sete meses, como estaba previsto inicialmente, a só catro, “porque en realidade o que vai haber é un retraso dun ano cando se entregue, se todo vai ben, en xuño ou xullo, xa que cómpre lembrar que a actuación leva case ano e medio totalmente parada” desde que se presentou o proxecto gañador do concurso de ideas en novembro de 2024.
Ao respecto, a edil popular indicou que o cronograma deste proceso “parece o da obra do Escorial”, xa que leva dez anos desde o seu lanzamento, oito desde que se anunciou o concurso de ideas e a maiores os 32 meses do presente mandato practicamente perdidos e se avances “máis alá de que se presentou un boceto cunha idea de actuación que, posiblemente, non sirva de moito, xa que dixeron que se ían mudar moitas cousas no proxecto final”.
“Se non fora porque están atrancando e retrasando o necesario desenvolvemento da vila e a recuperación da degradada fachada litoral, daría a risa escoitar ao alcalde dicir que están cumprindo co horizonte temporal previsto”, sinalou Estévez, que insistíu na necesidade de repensar a construción dun parquin subterráneo no marco deste investimento, posto que alertou dos problemas estruturais e de anegamento que pode ter no futuro pola súa proximidade co mar.