O PP de Bueu avisa de que os Orzamentos 2025 son “peores do previsto” xa que non cumpren coa estabilidade orzamentaria e abocan a novas subas de impostos

Bueu, 25 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de avisar, tras analizar o proxecto de Orzamentos Municipais 2025 que se debaterá no pleno extraordinario do próximo mércores, que as contas para o presente  ano son “peores do previsto”, xa que non cumpren co obxectivo de estabilidade orzamentaria e abocan ao Concello a novas subas de impostos en 2026.

Así, os populares revelaron que o informe do departamento de Intervención advirte de que estes orzamentos desvíanse da citada e obrigatoria estabilidade, o cal, de constatarse na súa fase de liquidación, encamiñaría ao Concello á elaboración dun plan económico-financeiro para acadar os axustes e o equilibrio precisos “que sempre recollen incrementos dos tributos”.

Para o PP estamos polo tanto ante unha “actuación moi irresponsable” do goberno liderado polo BNG, xa que, ademais de presentar uns orzamentos “tardíos e ineficaces” que apenas estarán en vigor un mes tras o período de exposición pública, son “moi prexudiciais” para os veciños e está claro que “non atenden ás necesidades” do municipio se finalmente non se acada a estabilidade, cousa que apunta Intervención, e hai que subir máis os impostos tras todos os incrementos aprobados para 2025.

“En Bueu vaise subir o lixo entre o 90% e o 600% para o próximo ano, un 17% o imposto de vehículos e haberá que comezar a pagar pola piscina, así que, se aínda por riba estes orzamentos, que non serven absolutamente para nada, nos abocan a un plan de axuste con novas subas, sería tremendamente prexudicial para os veciños e tamén para que o goberno dea explicacións e asuma as súas responsabilidades”, apreciou a voceira municipal, Elena Estévez.

Polo demais, a concelleira do PP tamén amosu a súa absoluta incomprensión co feito de que o goberno bipartito, que ten maioría absoluta no pleno, sexa incapaz de presentar uns orzamentos en tempo e forma, estea a traballar con eles prorrogados desde 2023 e leve a pleno unhas contas xa obsoletas cando tiña que estar presentando as de 2026. “Todo isto forma parte do desgoberno e a falta de planificación habituais do goberno de Bueu en practicamente todas as cousas, que é algo que loxicamente lastra o desenvolvemento do noso concello. Estamos ante unha actuación entendemos que irresponsable no marco da política de ir a rebufo e a trompicóns que desgrazadamente sufrimos hai tempo”, concluíu Estévez.