O PP de Bueu apoia a mellora do Camiño da Torre como “prioridade absoluta” para permitir o acceso de ambulancias e evitar o traslado en padiola dos veciños que precisan atención

Bueu, 10 de xuño de 2025.- O grupo municipal do PP de Bueu vén de apoiar a mellora do Camiño da Torre, no lugar da Roza da parroquia de Beluso, como “prioridade absoluta” posto que, ademais de atoparse en malas condicións, non permite o acceso de ambulancias ata a zona de vivendas, polo que os veciños que precisan de atención sanitaria ou dun traslado teñen que ser levados en padiola ata a estrada principal.

A voceira municipal, Elena Estévez, explicou que a solución desta pista é “urxente, necesaria e de humanidade”, posto que nesa contorna hai varios veciños que precisan dos servizos de ambulancia practicamente todos os días e este vehículo especializado non pode acceder ás súas vivendas.

Ademais, trátase dunha situación que leva enquistada durante bastante tempo, xa que lembrou que o PP leva anos reclamando o ensanchamento e acondicionamento deste camiño e os residentes tamén están a pedir a súa obra de xeito presencial nos plenos cunha representación veciñal que acude a todas as sesións “a ver se hai sorte e o goberno de Félix Juncal atende dunha vez por todas esta necesidade”.

De feito, indicou que, na sesión celebrada a semana pasada, estiveron presentes uns familiares de veciños que precisan desta asistencia sanitaria “e, coma sempre, o goberno local comprometeuse, pero a realidade confirma que nunca executa esta obra”.

“É lamentable que persoas enfermas ou con problemas de mobilidade teñan que ser cargadas en padiola baixo a choiva ou en días con moita calor só porque o Concello non é quen de poñer o vial en condicións de acceso para as ambulancias. É de todo incomprensible que non fagan nada cando ademais é unha obra relativamente fácil, posto que nin ten moito custe nin ten unha complexidade técnica especial”, incidíu Estévez, que reiterou a necesidade de que esta actuación se declare prioritaria e se execute no prazo máis breve posible.