O PP de Bueu alerta de importantes problemas co aparcamento nos dous proxectos de humanización de Beluso e acusa ao goberno de “non ter en conta a realidade da zona”
Bueu, 5 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de alertar de importantes problemas de aparcamento na parroquia de Beluso con motivo do próximo desenvolvemento dos dous proxectos de humanización e urbanización que pretende acometer o goberno local de Félix Juncal, ao que acusou de actuar “sen ter en conta a realidade da zona”.
En primeiro lugar, os populares apuntan a que destrucción de 32 prazas na contorna da Casa do Pobo e 8 na rúa Nova acarrexará prexuízos para a actividade comercial e os veciños, posto que eliminará estacionamentos céntricos, e ademais amosaron as súas dúbidas sobre a suposta creación de 70 prazas, “posto que non está determinado onde van ser e todo queda a que confíemos en que o goberno consiga os terreos, algo que nos xera moitas dúbidas, e en todo caso non estarán nas inmediacións do centro da parroquia” .
O PP indicou que, segundo dixo o executivo, primeiro van acometer a semipeonalización da rúa Nova -cuxa contratación está prevista para outono e que se financia con 800.000 euros da Deputación- e que eliminará de súpeto as citadas 40 prazas e posteriormente, tras ter o visto bo da Xunta e acometer o resto da tramitación, desenvolverase a urbanización do POL-12, “que é onde se supón que irán as novas prazas se conseguen os terreos e poden entender que todos os veciños de Beluso teñan moitos dúbidas ante a xestión habitual do goberno”.
“Primeiro queren urbanizar e logo din que conseguirán os terreos para o estacionamento, así que de entrada quedaremos sen aparcamento ningún. Pero a realidade é que non hai unha ubicación firme, definitiva e pechada para estas novas prazas, polo que están comezando a casa polo tellado en vez de polos cimentos, polo que nos tememos que acaben coa actividade comercial que queda e que esas promesas de 70 aparcamentos non se cumpran”, manifestou a concelleira do PP, natural ademais desta parroquia de Beluso.
Ante esta situación, Elena Estévez esixe que, antes de avanzar neste dobre proxecto, o goberno local dea explicacións e compromisos dos prazos da obra e da ubicación exacta das novas prazas de estacionamento, ademais de demandar información sobre o espazo no que se ubicarán as zonas de carga e descarga ou os espazos para mobilidade reducida, que loxicamente teñen que manterse no centro polas súas propias características e necesidades.
“Non teñen en conta a realidade de Beluso e non poden facer un proxecto como este descoñecendo totalmente o seu día a día e as necesidades dos veciños. Ninguén se cre que vaian duplicar as prazas porque os seus antecedentes coas obras non permiten ser optimistas e moito nos tememos que acaben coa actividade comercial de Beluso”, apostillou a voceira popular, que recalcou que “facer unha obra faina calquera, e máis coa millonada que lle están a dar Xunta e Deputación, pero facela ben xa é outra cousa e o goberno de Félix Juncal tennos acostumados ás malas execucións coa posterior aparición de problemas”.