O PP de Bueu alerta da mala xestión económica do Concello por endebedarse con créditos para pagar obras en vez de conseguir recursos e cre que “hipotecan o futuro”

Bueu, 24 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de alertar da mala xestión económica do Concello por ter que endebedarse con créditos bancarios para pagar obras en vez de conseguir recursos doutras administracións ou destinar fondos propios e expresou a súa crítica porque estas accións de financiamento “hipotecan o futuro”.

Os populares cren que a petición de préstamos “desmonta a falsa realidade da boa situación da tesourería da que fala o BNG” e sostén que esta situación derívase dunha mala xestión dos fondos públicos, “que é perfectamente comprobable cando funcionamos cos orzamentos de 2023, e polo tanto están desactualizados, malia que se anunciaron seis ou sete veces os de 2024 que nunca chegaron a pleno, e cando o remanente é moi pequeno, de só 280.000 euros, unha cifra moi por debaixo dos demais concellos da provincia”.

Deste xeito, o PP lamenta que se veña de recurrir a un préstamo bancario de 1,1 millóns de euros para a necesaria mellora do pavillón de Beluso, pero advertíu de que a situación non se vai quedar aí, xa que, segundo o anunciado polo executivo nacionalista, vaise engadir outro crédito para a reforma da rúa Pazos Fontenla, que terá un orzamento duns 2 millóns de euros.

“Ambas obras son necesarias, ao igual que a modernización do saneamento para que non se teñan que pechar as praias por vertidos como pasou nestes días, pero debía haber fondos propios, que polo visto non hai, negociar con outras administracións, pero iso leva tempo e capacidade, ou destinar o diñeiro do Plan +Provincia da Deputación”, apostillou a voceira municipal, Elena Estévez, que cre que o goberno nacionalista recurre á vía fácil dos préstamos “nunha acción que busca axilidade porque se atopan desesperados, aínda que elo hipoteque a futuros gobernos, porque levan sen facer case nada nos dous primeiros anos de mandato e o tempo bótaselle enriba”.

Problemas cos prazos do pavillón de Beluso

Ademais, a concelleira do PP indicou que a situación económica, no caso do pavillón de Beluso, pode complicarse aínda máis, xa que os informes de Intervención apuntan a unha posible perda dos 700.000 euros que achega a Xunta para a obra, xa que, segundo di o propio departamento municipal, vai ser moi difícil xustificar a obra antes do 15 de novembro, que é a data límite fixada pola administración autonómica para poder beneficiarse da axuda.

Estévez indicou que a apertura de plicas das ofertas para a obra do polideportivo vai ser este venres 27 e logo aínda haberá que baremar e adxudicar, pero os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses que se poderían reducir a 5, polo que, comezando a obra en xullo, que vai ser moi complicado, “estamos ante un claro risco de que se perda a axuda da Xunta e o burato económico sexa aínda maior que o propio crédito”.

Finalmente, a voceira do PP afeoulle ao alcalde, Félix Juncal, que emprenda estes créditos cando, no seu tempo de voceiro da oposición, arremetía contra os mesmos: “A vida dá moitas voltas e os principios políticos dalgúns non valen nada, ou son cambios de opinión ao estilo Pedro Sánchez, porque había que escoitar hai anos ao actual rexedor lamentando que se pediran cartos aos bancos porque, dicía, iso hipotecaba o futuro de Bueu e dos seus sucesivos gobernos”