O PP de Bueu advirte da “mala situación económica” ante a posible perda de fondos do pavillón de Beluso por incumprir o prazo e o fraccionamento do pago da Casa da Mocidade
Bueu, 2 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de advertir da “mala situación económica” do Concello derivada exclusivamente da errática xestión do goberno do Félix Juncal con motivo do pleno celebrado onte no que se abordou o modificado do proxecto para a construción do pavillón de Beluso e o plan de pagos para a adquisición da antiga Cámara Agraria co propósito de destinala á futura Casa da Mocidade.
Ao respecto, a voceira municipal, Elena Estévez, considera que as propostas nacionalistas para estas necesarias infraestruturas e os informes técnicos de Secretaría e Intervención confirman o “constante fracaso de xestión” do executivo do BNG, posto que a tesourería municipal afronta “unha situación moi delicada” ante a posible perda das achegas alleas de Xunta e Deputación para o polideportivo de Beluso polo incumprimento de prazo.
“A reforma e rehabilitación desta instalación deportiva sufre un retraso que pon en serio perigo que recibamos as axudas doutras administracións e iso é achacable exclusivamente ao goberno local, que ademais, no marco dunha xestión cada vez con menos sentido, vén de levantar un reparo de Intervención para aprobar un modificado do proxecto de 199.000 euros”, manifestou a concelleira popular, que recalcou que os propios servizos técnicos municipais alertan do retraso desta actuación e de máis que posible perda dos fondos externos “colocando ao Concello nunha situación delicada pola eventualidade de ter que facer fronte en solitario ao préstamo solicitado e, a maiores, ter que asumir a cantidade achegada por Xunta e Deputación”.
Elena Estévez indicou que o PP local sempre apoia que as demais administracións acheguen cartos a Bueu, “pero o que é inadmisible é que, malia a millonada que nos están aportando polo seu compromiso con este Concello, o BNG non sexa quen de xestionar en tempo e forma e se perda o diñeiro, e que logo aínda por riba haxa que aguantar críticas falsas de que non invisten no noso municipio”.
Ademais, a voceira municipal tamén criticou duramente a aprobación dun plan de pagos a dez anos, ata 2035, para afrontar os 50.327 euros da compra da antiga Cámara Agraria para destinala a Casa da Mocidade. “Cremos que esta operación, que suporá o pago de máis de 7.000 euros en interese, supón a ratificación, por parte do propio goberno, dos problemas financeiros e de que non hai nin un euro porque é incrible que un Concello como Bueu non teña esa contía para abonala no momento”, detallou Estévez.