O PP de Bueu acusa ao goberno local de “afogar sen límites” ao comercio local cos impagos dos bonos desde hai 17 meses e esixe o seu abono inmediato

Bueu, 15 de novembro de 2025.

O grupo municipal do PP de Bueu vén de acusar ao goberno local de “afogar sen límites” ao comercio local cos impagos dos bonos de desconto, nalgúns casos desde hai 17 meses, e esixe o seu abono inmediato para “deixar de prexudicar e maltratar” a estes negocios fundamentais para a vida e o dinamismo do concello.

Os populares calificaron de “inadmisible” a xestión municipal que ten pendentes de pago as axudas polas gratificacións do Corpus Christi 2024 e tamén as da campaña “Bueu sente o Nadal” de 2025, o que motivou importantes queixas dos comerciantes e tamén está a causar prexuízos aos veciños e clientes, xa que moitos negocios néganse a canxear os novos bonos, con toda a lóxica do mundo, xa que non poden adiantar novamente os cartos.

“O Bloque en xeral e do Bueu en particular sempre fala do comercio local e da necesidade potencialo e axudalo, pero á hora da verdade non hai gobernos que maltraten e castiguen máis a este sector que os nacionalistas, que practican en definitiva a política de ‘nin unha mala palabra, nin unha boa acción’ e que están a acabar cos nosos negocios de proximidade”, lamentou a voceira municipal, Elena Estévez, que reiterou a necesidade que se abonen con urxencia os 3.000 euros adebedados á asociación Fecimo por estas dúas campañas celebradas en Bueu.

De feito, indicou que esta situación, e a lóxica negativa de bastantes comercios a cambiar os noso vales, xa está a causar prexuízos na nova campaña navideña, “que é a máis importante do ano e que, no caso do noso concello, xa está a comezar con mal pé pola exclusiva responsabilidade do goberno local”, posto que é o encargado de elaborar e repartir os citados bonos. “Se fas unha campaña só para quedar ben porque non cumpres coas túas obrigas e cos pagos acordados, que non é unha cantidade tan grande para o Concello pero si moi importante para as tendas, fas máis mal que ben, porque os comercios viven afogados e os clientes enfadados”, aseverou a concelleira.

Ademais, a edil do PP tildou tamén de “excusas incribles” as xustificacións do goberno nacionalista de que o retraso se debe a cuestións técnicas de Intervención “cando, máis alá do respecto aos tempos da administracións, 17 meses parece un tempo máis que suficiente se hai vontade política, porque con elo parece que se están a rir do sector”.

Finalmente, Elena Estévez sostén que este incumprimento co comercio buenense “vén a ser un paso máis na política de asfixia” ao que o está a someter o goberno de Félix Juncal, xa que lembrou que moitos destes negocios tamén se van a ver afectados desde o próximo ano cunha suba da taxa do lixo de ata o 600% que pode poñer en dubida a viabilidade e supervivencia dalgúns deles.