O PP de Bueu acusa ao goberno de “inventarse o dispositivo de socorrismo e de sacar as motos acuáticas para a foto” tras descubrirse as eivas do servizo

Bueu, 23 de agosto de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu vén de acusar ao goberno local do BNG de “inventarse ás carreiras un suposto dispositivo de socorrismo e de sacar, por fin, as motos acuáticas do almacén para facerlles unha foto nas praias” despois de que se descubriran as eivas do servizo e os incumprimentos do prego de contratación, posto que levaban todo o verán gardadas en dependencias municipais.

Os populares insisten en que estas embarcacións non estiveron ningún día en Banda do Río nin en ningunha outra praia de Bueu, máis alá dalgunha actuación puntual que puidesen ter feito, como sostén o executivo, xa que ambos vehículos levan aparcados na sede de Protección Civil e nun almacén do Concello malia que tiñan que estar operativos no horario do servizo nos areais do municipio.

“O BNG viuse obrigado a mostrar a moto e facerlle rapidamente unha foto para que parecese que estaba todo previsto e organizado despois de que os pillaran nas patacas con este incumprimento de contrato, porque teñen tan pouca vergoña política que en vez de pedir perdón por posibles erros sempre se adican a tentar tapalos con mentiras e críticas. Pero a realidade é que levamos moito tempo en Bueu no que só actúan ante as demandas, as reclamacións, as peticións e as queixas do PP por moito que lles doa, porque están totalmente paralizados e inactivos”, manifestou a voceira, Elena Estévez, que ironizou con que “neste teatriño que armaron para facer ver que fan só faltaba o alcalde enriba da moto acuática para a fotografía, pero o tema pillouno de vacacións”.

Ademais, a concelleira popular engadíu que, máis alá do episodio destas motos acuáticas, malia que ten a súa gravidade polo menoscabo para a seguridade dos bañistas, “o máis surrealista é escoitar á edil do BNG Silvia Carballo dicindo que a xestión das praias é excelente cando somos a zona cero de peches de areais por vertidos e contaminación e cando as queixas polos accesos e moitas outras cuestións son constantes”. “Ou a concelleira non fala cos veciños ou non veranea en Bueu, porque hai unha grandísima maioría que se queixa do estado no que o BNG ten as nosas praias”, concluíu.