O PP de Bueu acusa a Juncal de “tomarlle o pelo á xente” tras seis anos anunciando o cuartel da Garda Civil e ínstao a limitarse aos feitos “en vez de facer que fai”
Bueu, 15 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Bueu vén de acusar ao alcalde, Félix Juncal, de “tomarlle o pelo descaradamente á xente” coa apertura do cuartel da Garda Civil tras máis de seis anunciando este equipamento e ínstao a limitarse aos feitos “en vez de facer que fai, especialmente cando quedan poucos meses para as eleccións municipais, cando en realidade non fai case nada”.
“O que debería facer o rexedor, en vez de rirse dos veciños, é calar a boca e traballar en serio para conseguir o cuartel, e simplemente sacar peito o día que abra as súas portas. Porque, tras seis anos de anuncios e máis anuncios, o incumprimento da súa palabra e a súa incapacidade para conseguir esta instalación de seguridade son notorios”, manifestou a voceira municipal, Elena Estévez.
Os populares lembraron que o 16 de abril de 2021 o alcalde informou, nunha visita á Casa do Mar que debería albergar este equipamento, a apertura do cuartel para antes daquel verán, “pero a realidade segue a ser teimuda e, máis de seis anos despois, seguimos carecendo deste servizo de seguridade que, en verdade, o goberno do BNG non ten moitas gañas de telo”.
Ao respecto, o PP local lembrou a animadversión evidente dos nacionalistas cos corpos e forzas de seguridade, e especialmente contra a Garda Civil, ao tempo que recordaron que o propio Félix Juncal, hai moitos anos, berraba a prol da marcha da Benemérita do municipio.
Ante esta situación, os populares buenenses indicaron que o novo anuncio de Félix Juncal de que conta coa instalación a finais de ano “hai que tomalo tristemente a cachondeo” e vaticinaron “outro mandato perdido” para a consecución deste centro. Así, enmarcaron esta situación, co alcalde facendo anuncios baleiros de realidade, “na habitual política de eternización de todas as cousas, que se agudizou ata o extremo nestes catro anos polo absoluto e evidente esgotamento do executivo local”.
Finalmente, o PP de Bueu aproveitou esta situación para reclamar máis accións políticas en materia de seguridade cidadá referidas, neste caso, ás competencias propias do Concello. Neste senso, solicitan un reforzo da Policía Local coa creación e convocatoria de máis prazas ante a clara insuficiencia das existentes e a mellora das instalacións para que os axentes e os usuarios poidan traballar e ser atendidos en condicións dignas.