O PP de Agolada reclama destinar 90.000 euros do Plan +Provincia á remodelación do tanatorio municipal
Agolada, 27 de agosto de 2026.-
O Grupo Municipal do Partido Popular de Agolada reclama ao Goberno municipal que deixe de adiar actuacións necesarias e aproveite os aproximadamente 90.000 euros que quedan dispoñibles do Plan +Provincia 2026 para acometer dunha vez a remodelación do Tanatorio Municipal.
Para os populares, a situación actual é tamén consecuencia da falta de capacidade financeira do Concello, que se atopa nunha situación económica que limita gravemente a súa capacidade de actuación. A moción lembra que Agolada ten unha débeda acumulada e está sometida ao mecanismo de apoio e control financeiro que condiciona o acceso aos fondos e obriga a recorrer ás liñas de cooperación doutras administracións.
A portavoz municipal do PP, Carmen Seijas, considera que “o Goberno municipal chega tarde e agora Agolada ten que pagar as consecuencias dunha situación económica que leva anos limitando a capacidade do Concello para facer investimentos”.
Seijas subliña que “cando un Concello ten problemas económicos e está sometido ao mecanismo de pago a provedores do Ministerio, como sucede en Agolada, a marxe de manobra é moito menor. Por iso resulta aínda máis importante planificar ben, reclamar axudas e aproveitar cada oportunidade de investimento que ofrecen outras administracións”.
Neste sentido, os populares poñen o foco en que a situación económica do Concello condicionou a utilización dos fondos do Plan +Provincia 2026. O Concello solicitara 223.000 euros na Liña 2 para gastos correntes e pagamento de débeda, pero a súa situación de intervención económica fixo que a achega quedase limitada a aproximadamente 85.000 euros, deixando arredor de 138.000 euros dispoñibles para outras actuacións.
“Chegamos a este punto porque o Concello non ten capacidade para utilizar os recursos como lle gustaría e porque a súa situación financeira está condicionando continuamente a xestión municipal”, afirma Seijas. “E precisamente por iso, se hai agora 90.000 euros dispoñibles, non podemos permitirnos que se perdan en actuacións menores ou que simplemente se deixe pasar o tempo”.
O PP lembra ademais que parte destes fondos, concretamente 48.000 euros, están previstos para mellorar a accesibilidade do Centro de Saúde, despois de que o Goberno municipal non conseguise a subvención solicitada á Xunta para executar esas obras.
“Non imos criticar que se invistan 48.000 euros en facer accesible o Centro de Saúde; o que criticamos é que o Goberno municipal non estea sendo capaz de anticiparse ás necesidades e conseguir financiamento suficiente para as actuacións que Agolada necesita”, sinala a portavoz popular.
“O Tanatorio leva tempo esperando e o Goberno non pode seguir mirando para outro lado”
O Partido Popular lembra que xa levou anteriormente ao Pleno a situación do Tanatorio Municipal, advertindo das carencias das instalacións. A moción sinala problemas de accesibilidade, barreiras arquitectónicas e falta de espazo nas salas, ademais da ausencia de espazos suficientes para as persoas que acompañan ás familias durante os velorios.
“Non é unha reivindicación nova. O PP xa advertiu desta situación e o Goberno municipal tivo tempo para actuar. Agora volve chegar tarde e só reaccionamos porque aparecen uns fondos que permiten facer a obra”, denuncia Seijas.
A portavoz popular considera especialmente grave que “un Concello que ten tan pouca capacidade de investimento non teña perfectamente identificadas as actuacións prioritarias e preparados os proxectos para poder aproveitar as axudas cando chegan”.
“Se temos unha situación económica complicada, a solución non pode ser resignarnos a non facer nada. Hai que ser máis eficientes, buscar financiamento, priorizar e ter os proxectos preparados. Iso é xestionar”, engade.
O PP reclama que os fondos vaian a unha actuación “urxente e necesaria”
A proposta popular defende que os aproximadamente 90.000 euros restantes se destinen integramente á remodelación do Tanatorio, priorizando a eliminación das barreiras arquitectónicas, a mellora da accesibilidade, a redistribución ou ampliación dos espazos e a mellora das condicións das salas.
“Estamos falando de aproveitar un recurso extraordinario para resolver unha necesidade real e coñecida. Non queremos máis escusas nin máis atrasos”, afirma Carmen Seijas.
O PP reclama tamén que o Goberno municipal redacte coa maior brevidade posible a memoria ou proxecto técnico das obras e realice os trámites administrativos necesarios para que a actuación poida ser licitada e executada dentro dos prazos do Plan +Provincia 2026.
“Agolada non pode permitirse perder máis tempo. Xa chegamos tarde coa planificación e agora non podemos chegar tarde tamén á hora de executar”, conclúe Seijas. “Se hai aproximadamente 90.000 euros dispoñibles, o Goberno municipal ten que poñelos onde máis falta fan: nun Tanatorio que non reúne as condicións que merecen as familias de Agolada”.